Comunicado da Executiva Nacional do BNG ante a aplicación do Artigo 155 ao pobo de Catalunya

Diante das decisións emanadas do Parlament de Catalunya e a resposta do Goberno español, desde o Bloque Nacionalista Galego queremos manifestar: 

  1. O Bloque Nacionalista Galego, recoñece a lexitimidade democrática das decisións e acordos tomados no día de hoxe no Parlament de Catalunya, espazo da representación política soberana dese pobo, que ven de proclamar a República Catalá seguindo o mandato popular xurdido do referendo de autodeterminación do  pasado 1 de outubro. 
     
  2. Rexeitamos a aplicación do artigo 155 da Constitución española que ven de aprobar o Senado e comezou a executar o Consello de Ministros esta mesma noite. A decisión de intervir o goberno catalán é un profundo erro, sen precedentes e con gravísimas consecuencias no presente e o futuro. Un auténtico golpe de estado á Democracia e aboca a unha crise institucional e política sen precedentes. 
     
  3. Vense de institucionalizar e formalizar os pasos xa anunciados –nun feito incompatíbel cunha Democracia- por parte de Felipe VI. Comeza un proceso que terá importantes consecuencias políticas, e que amosa, máis ás claras, a situación de involución democrática que estamos a atravesar nestes momentos e que non só afecta á negativa do Estado español de recoñecer o carácter nacional de Cataluña, Euskadi e Galiza e o seu lexítimo e inalienábel dereito á autodeterminación, senón que vai nunha clara dirección de retroceso e recentralización e perda de dereitos e liberdades básicas nunha democracia como o son a liberdade de expresión, a liberdade de reunión e manifestación, de conciencia ou de participación política. 
     
  4. A resposta do estado español é a evidencia de que o pobo galego non ten cabida neste marco político e é a demostración de que Galiza precisa da superación do mesmo para a súa supervivencia política e material. Máis aínda cun presidente como Alberto Núñez Feixoo que exerce máis de delegado do Goberno ou recadeiro do Partido Popular ca de presidente de Galiza e que ao tempo que actúa ao ditado submiso de Madrid é xordo e cego ante os problemas do noso país e a necesidade de decirdir por nós propios.
     
  5. O Estado español debe recoñecer a vontade maioritaria do pobo catalán e os dereitos que lle son inherentes ao resto de nacións do estado. Mentras non se recoñezan os dereitos das nacións a poder decidir e exercer o seu lexítimo dereito de autodeterminación, o problema político de fondo, lonxe de resolverse, agravarase. Nese sentido, desde o Bloque Nacionalista Galego seguiremos a traballar para que Galiza acabe conquistando a plena capacidade de decidir exercendo a súa soberanía como nación.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG