Con motivo do Día Internacional de Acción pola Despatoloxización Trans, desde o BNG reafirmamos máis un ano que ser trans non é unha doenza. Sumamos a nosa voz, pois, á do propio colectivo para reclamarmos a plena despatoloxización da transexualidade.
Xa van case 30 anos desde que a OMS tivo que capitular ante a loita librada polo colectivo LGBT ao eliminar a homosexualidade da súa listaxe de patoloxías. Agora, en pleno século XXI, xa vén sendo hora de que tamén retire a transexualidade da súa nova proposta de catálogo (ICD-11), onde está incluída entre as ‘disfuncións sexuais’.
Non abonda con simples reclasificacións estéticas, pois o único que visan é lavar a cara do sistema ao tempo que manteñen o status quo transfóbico, perpetuando así a estigmatización social destas persoas etiquetadas como ‘enfermas mentais’ polo mero feito da súa identidade de xénero.
A patoloxización serve ao sistema para facer pasar por ‘doenza’ ou ‘psicopatía’ calquera comportamento ou xeito de ser que se desvíe dos padróns patriarcais e da cisheteronorma para así deslexitimalos e colocalos fóra da ‘normalidade’. A marxinación e exclusión sociais que isto provoca explica en parte por que o grupo conformado polas persoas trans teña a taxa de suicidio máis alta de todo o colectivo LGBT.
Ao igual que calquera outra persoa, as persoas trans precisan de ser aceptadas e recoñecidas como persoas con plena liberdade de decisión sobre os seus propios corpos, de poder exercer o dereito de se autodefiniren sen inxerencias alleas. En definitiva, de viviren con liberdade nunha sociedade baseada no respecto e na igualdade.
O BNG seguirá sempre a loitar nas rúas e nas institucións do País para construírmos xunt@s, man na man co colectivo trans e as organizacións LGBT, esta nova Galiza, segura e libre para tod@s, a comezar por exixirmos a plena despatoloxización da transexualidade e a aprobación da Lei integral trans galega.
Animamos a participar na Manifestación Nacional pola Despatoloxización Trans convocada pola Plataforma LGBT+ Galega que terá lugar en Santiago de Compostela o sábado 19 de outubro ás 12:00 con saída na Praza 8 de marzo.