"Carpetazo" do PP á comisión de Investigación das caixas días antes da venda de NCG BANCO

Carme Adán e Francisco Jorquera na comisión de Investigación

Jorquera: "É inaudito pechar a comisión sen que teñan comparecido os protagonistas da morte das caixas galegas”

O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera denunciou a intención do Partido popular de impedir a investigación do acontecido coas caixas de aforro galegas ao pechar “en falso” a comisión que investiga o acontecido.

O parlamentario, despois de protestar polo formato da comisión e a negativa do Partido popular a aceptar as comparecencias solicitadas pola oposición, asegurou que o BNG non participa “do paripé do PP” e rexeitou “dar carpetazo” a comisión de investigación antes da inminente venda de NCG Banco.

O PP pecha “en falso” a comisión de investigación ante a proximidade da venda de NCG Banco

Na súa intervención, Jorquera afirmou que “non se pode dar por pechada a comisión” e lembrou que o BNG solicitou a comparecencia de Miguel Angel Ordóñéz, Juaquín Almunia, Marta Fernández Currás José Luís Méndez Pascual, ex-presidente da Corporación Caixa Galicia, José Luís Méndez López e Julio Fernández Gayoso e tamén Emilio Pérez Touriño, ademais de solicitar distintos documentos. Para obter unha resposta a esta reclamación,dixo, o BNG agardou tres meses para que a comisión volva a reunirse e entre tanto, “iniciouse o proceso de venda de NCG Banco e FROB xa anuncio que será no vindeiro mes”.

O nacionalista afirmou que non hai maior evidencia de que o Grupo popular impuxo no seu momento un réxime de comparecencias express buscando a mínima repercusión para logo “meter a comisión no conxelador” esperando a morte do pouco que queda do sector financeiro e evitar que a comisión puidera extraer calquera conclusión práctica e operativa, “o Partido popular utilizou a comisión de investigación para que o Goberno e os grupos da oposición se tiren os trastos” e despois utilizar a “súa maioría “ á hora de impoñer o relato do que pasou.

Para o deputado é “inaudito” pechar a comisión sen as comparecencias dos protagonistas no que considerou “un período clave” da consumación da morte das caixas de aforro galego polo que volveu a reclamar as comparecencias xa solicitadas e amosou o apoio ás do resto dos grupos da oposición.

O portavoz do grupo parlamentario do BNG lamentou o voto desfavorable do PP a analizar e avaliar a evolución económica-financeira das antigas caixas de aforros , a responsabilidade actual e indemnizacións millonarias do seus ex-directivos así como a petición de novas comparecencias, esta comisión, concluíu, “pecha en falso e o PP non nos permite saber o que pasou coas caixas galegas”.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG