“A única solución posible para que a AP9 sexa galega e libre de peaxe é votar ao BNG e conseguir un grupo galego forte no Congreso que condicione as políticas do Estado”. Así o asegurou hoxe a cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Carme da Silva, ao pé da rotonda de Cabanas en Rande, acompañada de outras persoas da candidatura, e dos portavoces do BNG nos concellos de Vigo e Redondela.
A nacionalista foi dura con PP e PSOE por manter a “aldraxe” contra galegas e galegos e alternarse no bloqueo da transferencia da autoestrada a Galiza, que volveu caducar en Madrid coa disolución das Cortes. “Ambos partidos están conformes con ter o tema gardado na gabeta. Votan unha cousa aquí e despois en Madrid fan a contraria e demoran e demoran, lían para que os trámites se eternicen e volvamos ao punto de saída”, denunciou Da Silva, destacando que nesta última negociación en Madrid o PSOE, de acordo con Ciudadanos e Vox, pretendía só transferir a xestión da vía pero non a titularidadea pesares do acordo unánime no Parlamento Galego.
Cargou Da Silva tamén contra os anuncios electoralistas da cabeza de lista do PP por Pontevedra, Ana Pastor, quen nos últimos días desta campaña anunciou que cando se constitúa o Congreso vaise transferir a autoestrada se gañan os populares. “Hai que ter cara, cando foi a propia señora Pastor quen bloqueou a tramitación da transferencia da AP9 a Galiza”, afeou a candidata nacionalista, que asegurou que “PP e PSOE non teñen ningún tipo de credibilidade e só queren enganar ás galegas e galegos unha vez e outra”.
Por todo isto, e lembrando que foi a presión do único deputado do BNG en Madrid Néstor Rego grazas a quen se conseguiu a rebaixa do 50%, que Da Silva chamou á cidadanía a confiar no BNG e acadar os votos suficientes que permitan ao Bloque ter un grupo “realmente forte” no Congreso para condicionar as políticas do Estado. “Só deste xeito, se as persoas que lle queren a este país, rebeldes e inconformistas, as que colleron a papeleta do Bloque nas municipais, repiten o seu apoio ao BNG o 23X conseguiremos un grupo galego forte –incidiu- para que haxa garantías de poder finalizar a aldraxe. Nós pararemos os pés a Feijóo e a quen faga falta defendendo Galiza”.
O BNG, garantía contra os prexuízos da AP9 en Vigo e Redondela
De por parte, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, reivindicou como prioridade no Congreso poñer fin á “navallada” da AP9 na cidade. Defendeu así a conversión en vía urbana do trazado, dende o acceso nas Torres de Padín, para que deixe de ser unha “trincheira” que divide o barrio de Teis, a instalación de pantallas acústicas no tramo de maior contaminación acústica de toda a autoestrada e a necesidade de mellora dos pasos elevados da Trapa e da Xorxa para o tránsito seguro de persoas e vehículos.
Igrexas subliñou como aval a “traxectoria coherente” da fronte nacionalista, denunciando a “total falla de compromiso” das forzas estatais para resolver “tanto o calote enorme que representa a AP9 como os graves prexuízos” que ocasiona á veciñanza. “As forzas estatais, uns e outros, son responsábeis de que no 2023 sigamos tendo que reclamar unha autoestrada galega e libre de peaxes. Os sucesivos gobernos españois actuaron sempre en favor de Audasa, favorecendo que uns poucos sigan facendo un grande negocio cunha infraestrutura esencial que leva décadas amortizada”, reprochou.
Pola súa banda, o voceiro municipal do BNG en Redondela, Xoán Carlos González, defendeu que, de ser polo BNG, hoxe en Chapela xa non habería cabinas de peaxes, que cualificou de “catastróficas” para a economía de Redondela. Reiterou a urxencia ademais de iniciar as obras de reposición de viais tanto en Chapela como en Trasmañó afectados pola ampliación da AP9, cos servizos urbanos e o saneamento correspondente así como mellorando a accesibilidade. “Compromisos que se anunciaron pero que as obras nunca dan iniciado”, lamentou González, que asegurou que estas cuestións que “teñen que deixar de ser promesas e ser feitos xa”.