A cabeza de lista do BNG por Pontevedra Carme da Silva reivindicou hoxe en Vigo un grupo galego forte para rachar coa visión centralista das infraestruturas ferroviarias do estado e facer que conexión ferroviaria de Vigo e Galiza avance, impedindo que o país “quede atrás”.
Da Silva destacou que un grupo galego forte do BNG no Congreso non vai aceptar “a visión centralista que lexislatura tras lexislatura o que fai é discriminar Galiza” e acumular continuos atrasos nos estudos e execución de obras. “Precisamos ese grupo galego forte para que as infraestruturas ferroviarias se centralicen e se decidan dende Galiza. Necesitamos modernizar a nosa infraestrutura, sobre todo a área de Vigo, en cinco cuestións que son fundamentais que non poden seguir agardando, que non poden seguir demorando xa non ano tras ano ou lexislatura, senón década tras década”, subliñou.
Destacou que Vigo é un exemplo claro do déficit histórico que sofre á Galiza en materia de infraestruturas, polo que o BNG vai focalizar a súa axenda en Madrid entre acadar fondos para modernizar a rede coa implantación dun servizo de cercanías; coa conexión estratéxica con Portugal, cunha saída sur antes de 2030; coa mellora da media distancia; co impulso do corredor de mercadorías; e coa mellora e ampliación da conexión ferroviaria da terminal portuaria de Vigo e conexión coa PLISAN.
A cabeza de lista insistiu na necesidade dun tren de proximidade que conecte Vigo con Tui e tamén con Portugal, cunha saída polo sur, e tamén polo norte cara a Pontevedra, articulando territorio e dando servizo local para desconxestionar infraestruturas viarias, con frecuencias e horarios, reducindo os prezos e aumentando convois. “Non pode ser que un área con 500.000 habitantes sexa das poucas do estado que non ten un sistema de cercanías”, salientou.
En canto á saída sur cara a Portugal indicou que non pode seguir acumulando atrasos “porque ten os atrasos por decisión política de non priorizala”, salientando que é necesaria para que toda a área poida desenvolver o seu potencial. Instou á posta en marcha antes de 2030, a acelerar os traballos, estudos e informes e a non agardar ata finais de 2024 para coñecer último estudo.
Outra das prioridades, sinalou Da Silva, será mellorar de maneira substancial a conexión ferroviaria de media distancia da cidade de Vigo e ata Ferrol, aumentando as frecuencias, completando as conexións directas con todas as cidades galegas e adecuando os horarios ás necesidades da poboación, con puntualidade para dar servizo ás persoas traballadora e que estudan, entre outras usuarias.
En canto ao Corredor Atlántico subliñou que é preciso impulsar con seriedade e rigor as obras pendentes de realizar e incorporar actuacións estratéxicas para desenvolver o corredor no país, infraestrutura ferroviaria estratéxica para a Galiza, ante os continuos atrasos en relación co fixado na folla de ruta inicial elaborada en 2018. “Está clarísimo que sen un corredor de mercadorías axeitado o noso sistema económico queda fóra de todo o mercado necesario para poder desenvolverse. Non hai futuro sen transporte de mercadorías por ferrocarril. Xogámonos o futuro económico de Vigo e Galiza coa axilización dese corredor. Esiximos compromisos”, dixo.
Finalmente fixo referencia á urxencia de conexión da terminal portuaria de Vigo coa Plisan. “As mercadorías e os polígonos, o seu futuro, está no ferrocarril. Cada vez máis é o modo de mobilidade que se emprega”, dixo.
“Eses cinco aspectos son fundamentais, son aspectos que o BNG vai demandar e que non vai aceptar que se sigan demorando por decisións políticas, porque se discrimina Galiza fronte a outros territorios. Para iso vai servir un grupo galego forte no Congreso. Para que as infraestruturas ferroviarias sexan unha prioridade e non continúe a súa discriminación”, finalizou.
Pola súa banda, o portavoz municipal de Vigo Xabier P. Igrexas tamén destacou que se hai un exemplo claro do sucesivo abandono que padece Vigo polos sucesivos gobernos españois é precisamente a cuestión ferroviaria.
En concreto, Igrexas subliñou o “exemplo clamoroso” do atraso continuado e a demora permanente dunha estratéxica saída sur, alta velocidade Vigo-Porto, que complete esa conexión co Eixo Atlántico. “Vivimos como sucesivos gobernos facían caducar diferentes estudos informativos no ano 2009 e o 2012 e vemos agora como se vén de volver licitar un novo estudo informativo que vai demorar 18 meses. A experiencia deste falta de compromiso do Goberno, que PSOE e Unidas Podemos incluían unha partida orzamentaria de apenas 30.000 euros”, indicou.
O BNG, destacou, “tal como viñemos esixindo pedimos conpromiso firme e claro para que a conexión da alta velocidade, esa saída sur, sexa unha realidade antes do ano 2030. Hai que apostar cun grupo galego forte para condicionar a acción do goberno español”, insistiu.
No acto Da Silva e Igrexas estiveron acompañadas polo tamén candidato ao Congreso Nuno Galán, ás candidatas ao Senado Ramón Nicolás e Manuela Rodríguez, a deputada do Parlamento galego Alexandra Fernández, e o responsable comarcal Manuel Caride.