A candidata nacionalista reuniuse esta mañá en Vigo con membros do comité de empresa de Renfe e subliñou que fronte ás promesas incumpridas e movementos estraños doutras forzas políticas, o BNG esixirá claramente tanto a creación dun tren de proximidade que vertebre o territorio na área de influencia de Vigo e Pontevedra, como tamén a necesaria saída sur do tren cara a Portugal, a mellora da conexión do Porto para as mercadorías, así como a posta en marcha das infraestruturas que faltan para que o AVE Madrid-Vigo faga o seu percorrido sen que as persoas usuarias se vexan obrigadas a facer transbordos. “Queremos ir no tren e ter un servizo dos século XXI xa, agora, e non dentro de non sabemos cantos anos”, subliñou.
A nacionalista destacou que o sistema ferroviario galego debe ser unha prioridade absoluta. Explicou que nun momento no que a nivel internacional se está a falar do transporte do futuro e de como deben ser as comunicacións é preciso apostar polo transporte ferroviario xa que é máis seguro, menos contaminante, e permite reducir o transporte con vehículo privado, que supón máis custes e é unha das grandes causas da contaminación urbana e do cambio climático. Da Silva lembrou, de feito, que o tren debe ser unha opción de transporte alternativa a infraestruturas viarias como a AP-9, que definiu como “unha estafa para as galegas e galegos”.
Afondando, Da Silva sinalou que na área en Vigo hai moitas cuestións que deben resolverse con rapidez, como ter un transporte de proximidade axeitado que garanta que as persoas usuarias da área de Vigo e Pontevedra poidan utilizalo coas frecuencias e horarios necesarios para que sexa un tren de proximidade real. Subliñou a necesidade de reducir os prezos, aumentar convois, e modificar os horarios para que teñan cadencia, simplificando as saídas para as persoas usuarias.
En canto á saída sur de Vigo subliñou que tamén é fundamental. “Non pode ser que Vigo estea nun fondo, nun funil sen posibilidades de facer a saída cara a Portugal e á meseta de maneira equilibrada”, dixo, para engadir que é preciso rematar os treitos que quedan para que realmente haxa un Eixo Atlántico de Alta Velocidade que vaia de Portugal a Ferrol. “É un percorrido ferroviario que ten garantido o seu funcionamento e a súa viabilidade pola cantidade de persoas usuarias”, salientou.
Finalizou afirmando que é preciso “poñer o transporte ferroviario en Galiza á altura das esixencias e necesidades que ten a sociedade no século XXI e non seguir pensando nun deseño ferroviario que se planificou no século XIX”.
Ferrocarril público e seguro
Ante a posible aparición dun operador privado na liña do Eixo Atlántico, a candidata manifestou que para o BNG a prioridade é que o sistema ferroviario siga a ser un sistema público, tanto nas infraestruturas como na mobilidade. Segundo dixo, “se algo ten de bo o actual sistema público é que é o único que garante o axeitado mantemento das infraestruturas e da seguridade das persoas viaxeiras e mercadorías que se transportan”.
Da Silva insistiu en que “sabemos que veñen ventos dende hai moito tempo na Unión Europea sobre a liberalización do transporte ferroviario, pero entendemos que manter o carácter público é unha cuestión fundamental, sobre todo por cuestións de seguridade”. “Estamos a ver o que acontece en sitios onde hai operadores privados funcionando”, recalcou.
Finalmente, a cabeza de lista do BNG amosou o seu optimismo de cara aos resultados da súa formación o vindeiro 10N e animou á xente a apoiar á única forza que defende os intereses de Galiza sen ataduras. “Sabemos que hai moita xente cabreada co espectáculo da política madrileña e dende o BNG pedimos que ese cabreo se transforme nunha oportunidade para que Galiza teña voz propia no Congreso. Xa se viu o que fixeron as outras forzas políticas e tamén se comprobou o que acontece cando o BNG non ten representación en Madrid: Galiza está esquecida”, subliñou.