A cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Carme da Silva, reclamou hoxe en Pontevedra un concerto económico e unha Facenda galega propia que permita a Galiza recadar todos os seus impostos para dar servizo ás necesidades de galegos e galegas sen discriminacións. Da Silva lembrou que cada concello galego recibe 50 euros menos por habitante que o resto dos concellos do Estado e subliñou que o BNG levará ao Congreso unha iniciativa para rematar con esta “aldraxe” que se sostén no tempo xa goberne o PP ou o PSOE.
Nunha reunión con candidatos ás alcaldías, concelleiros e voceiros nacionalistas dos concellos da comarca de Pontevedra, Da Silva cualificou de “moi preocupante” a discriminación dos concellos galegos, xa que os 50 euros de menos por habitante supoñen unha eiva do 20% sobre a media dos demais municipios do Estado, se ben as obrigas para prestar servizos son as mesmas. “Un 20% menos por habitante son moitísimos recursos cando aquí polo avellentamento da poboación e pola súa dispersión os servizos son máis custosos”, explicou.
Da Silva recoñeceu que hai unanimidade ao recoñecer a discriminación aos concellos galegos entre as forzas políticas en Galiza e na FEGAMP, mais subliñou que non se dan solucións para mellorar a situación, xa que cando os partidos presentes na FEGAMP teñen responsabilidades no Estado -sexan PP ou PSOE- as cousas non mudan. “A situación sostense ano tras ano gobernen uns ou gobernen outros, as forzas políticas españolas dende o goberno do Estado manteñen sistematicamente esa discriminación”, asegurou, para indicar que só o BNG poderá dar voz real aos intereses galegos coa súa presenza no Congreso.
A nacionalista subliñou que o BNG defende un sistema de financiamento local propio, unha Facenda galega, que permita que os concellos do país teñan os medios axeitados para prestar os servizos nos que teñen competencias. Solicitou, de feito, un concerto como o de Euskadi, país que recada os seus ingresos e decide como os distribúe. “A consecuencia do actual modelo é que os concellos galegos son os peor financiados do Estado e os concellos vascos os mellor financiados. Nós demandamos para Galiza o mesmo que ten Euskadi, que os ingresos galegos se recaden aquí para dar servizo ás necesidades de galegos e galegas sen discriminacións”, insistiu.
Os exemplos das diferentes realidades económicas nos concellos do Estado, segundo Da Silva, son evidentes. Como proba explicou que as sete cidades galegas -sumando 930.000 habitantes- reciben uns 8,5 millóns de euros por ano menos que Málaga, cidade coa metade de poboación.
Outro caso de discriminación dos concellos galegos, dixo a candidata, é o financiamento que reciben tralo Pacto de Estado pola Violencia de Xénero. Segundo explicou, a cantidade total tanto do 2018 como a prevista para 2019 era de 20 e 40 millóns de euros respectivamente para todo o Estado, unha “cifra ridícula” que se convirte en “máis que irrisoria” cando se ven os fondos destinados aos municipios galegos. “A asignación para o Concello de Pontevedra foron 16.000 euros, o que supón un 57% menos do que correspondería se se fixese unha distribución por habitante. Se os 20 millóns de euros se dividisen entre a poboación do Estado español, ao Concello de Pontevedra corresponderíalle un 57% máis”, insistiu.
Da Silva salientou a necesidade dun concerto económico para Galiza para garantir o sistema galego de financiamento local e subliñou, unha vez máis, que a defensa dos intereses do país “só poderá vir da man do BNG”. Neste sentido, animou ás persoas indecisas a tomar partido en favor de Galiza votando ao Bloque Nacionalista Galego o vindeiro 28A, xa que a forza nacionalista galega supón un voto duplo nun escenario sen maiorías absolutas: a defensa dos intereses de Galiza e tamén un freo para o goberno da dereita autoritaria e españolista.