O Bloque Nacionalista Galego, en coherencia co anunciado e realizado en todo o procedemento para a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), non participou da última votación e lamentou o pacto coa dereita no canto de apostar pola maioría existente que promovía aplicar medidas para a rexeneración democrática. “Non conten co BNG para este tipo de fraudes democráticos” afirmou a senadora do BNG, Carme da Silva, durante a súa intervención evidenciando que o pacto PP-PSOE promove o continuísmo, “deixando á marxe o fundamental que é conseguir axilizar o funcionamento da xustiza e rematar cos atascos e reclamacións que se eternizan”.
Case seis anos pasaron PP e PSOE sen renovar o Consello Xeral do Poder Xudicial para volver o punto de partida: manter intactas as estruturas do Réxime do 78 ou, como di un dito galego, “cacarexar e non poñer o ovo”. De facto, Carme da Silva afirmou que esta Proposición de Lei Orgánica, acordada entre PP e PSOE, é produto das vellas formas do pactismo bipartidista que sempre sostiveron o sistema procedente do Réxime do 78.
“Esta proposta non só non resolve o déficit democrático no ámbito da xustiza, senón que mesmo o reforza. Abre a porta a que sexan os xuíces os que nomeen o goberno dos xuíces. O que nos traen aquí é unha componenda na estrutura de poder xudicial sen cambiar de modelo. Deixan en mans dos propios xuíces que presenten a reforma de designación. É dicir, máis corporativismo en lugar de incentivar un control democrático dun poder do Estado” sinala Carme da Silva durante a súa intervención.
Un método, o pactado entre PP e PSOE, do que van quedar excluídos moitos xuíces e xuízas e que contén retoques menores, sobre todo relativos á limitación para ser xuíz ou fiscal despois de pasar pola política institucional activa, incluso indo de candidato ou candidata nalgunhas eleccións.
Dificilmente, prosegue a senadora se resolverán todos os problemas que existen na Administración de Xustiza –falta de recursos materiais, de persoal, falta de xulgados- se só centran as propostas en aspectos incidentais da carreira xudicial. “Terminar cos atascos e reclamacións que se eternizan nos xulgados, rematar cos problemas de falta de medidas para a protección de menores e de mulleres vítimas de violencia machista, parar a eternización das demandas á banca ou as laborais” enumera.
“A aposta democrática debe pasar desde o noso punto de vista pola descentralización dos órganos da xustiza para que se axuste á realidade plurinacional do Estado” defende a senadora do BNG. Polo tanto, a escolla dos xuíces e xuízas debe emanar da soberanía popular, das diferentes cámaras –“cámaras en plural: dos Parlamentos e das Cortes”-
Así mesmo, o Consello Xeral de Poder Xudicial, lembra Carme da Silva, non é un órgano de representación orgánica dos xuíces, nin de defensa dos seus intereses profesionais, nin moito menos un consello de representación sindical da xudicatura. “É un órgano de goberno e ademais ese carácter de órgano confírelle competencias que versan sobre o funcionamento mesmo da Administración de Xustiza en xeral, e non unicamente sobre temas particulares que afecten os xuíces ou outros actores da Administración de Xustiza
“Decepcionan, con este pacto do bipartidismo, a moitas persoas que confiaban que a rexeneración democrática ou rematar co lawfare ía algo en serio. Fan para facer que fan e non facer nada. Non conten co BNG para este tipo de fraudes. Moito cacarexar e pouco poñer o ovo” sentenza da Silva.