Carme da Silva, a cabeza de lista do BNG por Pontevedra, chamou hoxe no mitin de Ponteareas a xuntar todo o voto de país, da xente rebelde e inconformista, no Bloque para defender en Madrid o “orgullo e a dignidade galegas”. A candidata subliñou que o país precisa dun grupo galego forte para condicionar as políticas do estado e apelou a coller a papeleta nacionalista “con ilusión e confianza” para evitar que as forzas estatais traten a galegas e galegos como cidadáns de segunda.
“Máis BNG é máis país no Congreso. Somos a candidatura da casa”, asegurou, salientando que quedou acreditado historicamente que só se o BNG está en Madrid de maneira contundente poderase conseguir para Galiza “o que é de xustiza”. Criticou duramente a ausencia de interese dos partidos centralistas polo que acontece no país e destacou que “o que nos xogamos é ter unha representación máis forte ou, de novo, unha procesión de caladiños’”, en relación aos deputados e deputadas pola provincia que non traballaron en favor da veciñanza galega, senón que só atenderon aos ditados de Ferraz e Génova.
O BNG, reivindicou a nacionalista, “é unha forza seria que resolve os problemas das galegas e dos galegos e non vai defraudar a ninguén”. Subliñou que un só deputado nos últimos catro anos conseguiu moitos avances para o país. Nomeadamente citou a rebaixa da AP9, pero subliñou que queda moito por facer, por iso instou a duplicar, triplicar, multiplicar o número de escanos do BNG no Congreso e deste xeito “amplificar a voz e o poder de Galiza no Estado”.
En canto a Ponteareas, Da Silva fixo un percorrido polas reclamacións a esixir no Congreso e lembrou tanto a mellora da N-120 como a variante de Ponteareas, cuestións que subliñou básicas para a mobilidade na zona.
Apostar pola mocidade para que quede no país
Ademais de Carme da Silva no mitin da Praza da Feira Vella tamén participaron o tamén candidato Hugo Domínguez, a deputada no Parlamento Galego Cristina Fernández e o portavoz municipal Miguel Bouzó. Domínguez fixo tamén fincapé na necesidade dun grupo galego forte para facer Galiza máis decisoria en Madrid, para despois subliñar que na axenda do BNG estarán a derrogación definitiva da Reforma Laboral do PP, tan lesiva para os intereses da clase traballadora, e tamén da Lei Mordaza. Fixo fincapé na necesidade de apostar pola mocidade e defender os seus intereses para que quede no país e non teña que marchar para acadar un futuro laboral. Neste sentido, tamén chamou a desenvolver políticas públicas de vivenda para poder facer proxectos de futuro.
O portavoz municipal Miguel Bouzó, ademais de pedir confianza no BNG para defender Ponteareas, concretou as urxencias a tratar no Congreso salientando que goberne quen goberne en Madrid a mellora da N-120 non avanza, ao igual que tampouco a variante de Ponteareas. Subliñou, neste sentido que contar con Carme da Silva como deputada en Madrid será unha garantía de que se van axilizar ambos dous temas e aprobar partidas orzamentarias concretas para levar as obras adiante.
A deputada no Parlamento Galego, Cristina Fernández, introduciu na súa intervención tamén a necesaria mellora da estrada paralela a autovía para adecentala como saída, así como a solución aos problemas de cobertura que viven moitas parroquias do Concello.