O Bloque Nacionalista Galego vai condicionar as políticas do Estado no Congreso nun momento no que non haberá maiorías absolutas. Así o manifestou hoxe en Vigo a cabeza de lista do BNG ao Congreso dos deputados pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva, quen destacou que a representación que acade o BNG o 28 de abril vai servir para que Galiza volva ser “actriz protagonista” nas políticas e nos orzamentos do Estado, deixando atrás o papel secundario ao que as forzas estatais relegaron a galegas e galegos nas últimas lexislaturas.
Da Silva subliñou que o voto ao BNG terá aínda máis valor, xa que ademais de defender a Galiza sumará para que as dereitas españolistas non gobernen, para frear a involución democrática, e tamén para incluír na axenda política madrileña a defensa da soberanía nacional de pobos como o saharauí.
A cabeza de lista do BNG realizou estas declaracións despois de manter un encontro coa asociación ‘Solidaridade Galega co Pobo Saharauí’ (SOGAPS) e o delegado do Frente Polisario na Galiza, Mohamed Zerga. “A nosa representación no Congreso vai ser determinante nun escenario sen maiorías absolutas para defender os intereses dos galegos e galegas, pero tamén para que a causa xusta do pobo sahariano vexa luz, e que este proceso de negociacións aberto serva para acadar obxectivo de poder vivir libres na súa terra”, salientou.
Da Silva destacou que o Goberno español debe ter unha posición firme e clara con respecto ao Sáhara Occidental, non sendo de recibo nin “poñerse de perfil” nin manter a postura da Xefatura do Estado que, cos seus compromisos co Estado marroquí, leva a toda a diplomacia española a estar máis do lado gubernamental marroquí que do lado saharauí.
Pola súa banda, o candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xavier Pérez Igrexas, subliñou que dende o punto de vista municipal é preciso aumentar os cartos das axudas de cooperación internacional do Concello de Vigo. Lembrou que hai un compromiso adquirido dende hai anos de destinar como mínimo o 0,7% do orzamento local que non se cumpre, e indicou que alén do programa de Vacacións en Paz de SOGAPS o Goberno local debe despregar axuda noutros ámbitos para mellorar as condicións de vida do pobo saharauí.
A responsable de SOGAPS Maite Isla, acompañada polo delegado do Frente Polisario en Galiza Mohamed Zerga, agradeceu aos representantes do BNG o seu interese, apoio e implicación política na causa. Asegurou que o problema do Sáhara “é un problema político que non ten outra saída que a política”, e aínda que manifestou que todas as axudas humanitarias e de loxística son ben recibidas, reivindicou a importancia de que as forzas políticas inclúan o conflito na súa axenda dentro do Congreso dos Deputados para axudar a dar unha solución estrutural ao pobo saharauí.