Xerais 2023

Carme da Silva chama á veciñanza a repetir o voto das municipais en favor do BNG para conseguir un grupo galego forte

Rolda de prensa
Rolda de prensa

A cabeza de lista por Pontevedra sitúa o ferrocarril como o gran modo de mobilidade para Galiza «non só do futuro, senón do presente»

«Falar de infraestruturas é falar de futuro, do futuro que queremos para a comarca de Pontevedra e para este país» dixo hoxe a candidata á Cámara Baixa do BNG por Pontevedra, Carme da Silva, quen compareceu para falar de infraestruturas viarias e ferrovirias situando a aposta do BNG polo ferrocarril como un modo de transporte prioritario “á hora de procurar un futuro verde, ecolóxico e cun maior desenvolvemento económico”.

Nunha rolda de prensa logo dun encontro con Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; Xosé Manuel Fernández Abraldes, alcalde de Barro; Manu Lourenzo, alcalde de Soutomaior; Manuel Fariña, Tenente-alcalde de Caldas, Marga Caldas, voceira do BNG en Poio; Dores Chedas, responsábel local do BNG en Cuntis e Cecilia Tarela, do BNG de Pontecesures, Da Silva destacou que «cando falamos de mobilidade falamos de futuro, falamos de emerxencia climática, cando falamos de tomar en serio os grandes retos que a sociedade temos por diante... Temos que falar do ferrocarril, e non pode ser que teñamos unha rede de ferrocarril deseñada no século XIX, porque é a que temos neste momento», indicou.

«Temos que ter un mellor transporte ferroviario porque é o gran modo de mobilidade non só do futuro, senón do presente. Neste momento a inmensa maioría da xente nova, de teren a alternativa de ir en ferrocarril, non vai utilizar nin vehículo privado nin outros medios de transporte. Unha área tan poboada como é toda a de Pontevedra e de Vigo non está conectada a través dun tren de proximidade por pura decisión política, xa que hai áreas no Estado menos poboadas que si teñen ese tren», explicou a candidata, engadindo que as forzas políticas centralistas discriminan a Galiza. «Doutra banda, a nosa industria precisa dun tren de mercadorías que nos conecte con Portugal e que conecte os portos, o modo de transporte máis adecuado para propiciar un desenvolvemento económico potente».

Da Silva fixo fincapé en que deben ser as galegas e os galegos as que digan e definan que necesidades teñen nas comunicacións, xa que  «se se pensan desde Madrid, se se pensan desde a Porta do Sol, as comunicacións ferroviarias preferentes non van ser as de Galiza. Madrid conectará con Lisboa polo centro, e nós seguiremos a precisar dunha conexión ferroviaria co Porto e con Lisboa, unha conexión que nin está nin se espera. Queremos prazos, non estudos para a súa execución».

A candidata quixo mandarlles unha mensaxe clara a todas as persoas que pensen que se este trato non é xusto, se esta discriminación é inxusta, «se pensan nun futuro propio que voten con orgullo o 23 de xullo». «Hai moita xente que nos quere facer crer desde a esquerda e desde a dereita española que temos que escoller o voto por medo ou por resignación. Desde o BNG sabemos que o 23 de xullo non hai que ter ningún deles. Hai que ter dignidade, orgullo, esperanza e ilusión. Se nos deixan de discriminar temos un futuro enorme por diante. É preciso un voto con rebeldía entre a xente moza que non quere nin un paso atrás. Queremos un futuro verde para Galiza. A garantía é o Bloque Nacionalista Galego».

Doutra banda, a candidata lembrou que infraestruturas como a A-57, que aínda non están rematada pese a ser un proxecto que leva décadas sendo reclamada pola veciñanza pontevedresa. Ao mesmo tempo, sinalou que a AP-9, situada como a principal arteria de comunicación no Eixo Atlántico, «é galega», ao tempo que é «unha estafa que aínda non sexa unha vía libre de peaxe logo dunha prórroga ilegal que se lle concedeu e consolida esa nomeada estafa que os galegos e galegas pagan e sofren milleiros de veces».

Puxo sobre a mesa que a única solución posíbel para ver unha autoestrada libre de peaxes pasa por ver un BNG con capacidade de decisión no Congreso. «É simbólico, pero ben real, que o único gran recorte e rebaixa nas peaxes da AP-9, como foi a do 50 %, logrouse a través da capacidade coa que contou o BNG na investidura de Pedro Sánchez. Xa se falara antes, pero nunca se executara algo semellante». Cómpre lembrar que foi neste acordo de investidura onde tamén o Goberno Central tamén se comprometeu a sacar adiante a reforma do nó de bombeiros.

Da Silva tamén quixo subliñar a importancia dunha intervención noutras vías pertencentes a Fomento que atravesan a comarca de Pontevedra, como a N-550, «que está sendo por culpa da peaxe da AP-9 como alternativa libre de peaxes, orixinando unha carga elevadísima de tráfico», que atravesa núcleos de poboación con graves problemas de comunicación e cunha mobilidade que «non está a altura das necesidades actuais da sociedade» en moitos dos seus tramos, como pode ser o de Soutomaior.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG