xerais 2023

Carme Da Silva chama ao Morrazo a manter a confianza no BNG e votar coa cabeza e o corazón para rachar coa discriminación do bipartidismo

dav
dav
A cabeza de lista presentou hoxe en Bueu un decálogo de compromisos do Bloque coa comarca para presentar no Congreso

A cabeza de lista polo BNG en Pontevedra Carme da Silva chamou hoxe á veciñanza do Morrazo a manter a súa confianza no BNG e “votar coa cabeza e o corazón” para rachar coa discriminación do bipartidismo a Galiza. A nacionalista fixo a petición á comarca de ser impulso para conseguir un grupo galego forte en Madrid nun encontro con representantes institucionais e orgánicos no que fixo público un decálogo de compromisos do Bloque a presentar no Congreso que inclúe, entre outras, melloras nas infraestruturas, na recuperación das rías e o litoral, así como do patrimonio cultural da zona.

Da Silva subliñou que a cidadanía do Morrazo sabe dar resposta perfectamente ao bipartidismo, posto que na comarca o BNG é unha forza “que medra e segue a medrar” e que ten nestes momentos tres alcaldías. “A do Morrazo é unha sociedade que sabe perfectamente que só co BNG, cunha forza política que representa intereses das galegas e galegos podemos dar solución aos nosos problemas”, subliñou, asegurando que a axenda comarcal e todas as medidas necesarias plantexaranse en Madrid “dende o primeiro momento, o minuto un, cando se constitúan as Cortes, para que non quedemos na cola como nos mantén o bipartidismo”.

A nacionalista destacou que o BNG cun grupo galego forte no Congreso será un instrumento fundamental para que todas as cuestións e necesidades urxentes, a emerxencia climática, a descarbonización da economía, a mobilidade, se afronten en chave galega. En concreto, como cuestións fundamentais para o Morrazo presentou un decálogo de compromisos en tres bloques: infraestruturas, recuperación rías e litoral e patrimonio cultural.

Encontro O Morrazo
Encontro O Morrazo

No primeiro bloque salientou a transferencia a Galiza da AP9. Destacou que o Morrazo foi un exemplo de loita na liberación da peaxe da AP9, pero salientou que hai que seguir a traballar porque aínda que se conseguiu que se rebaixara o 50% coa presión dun deputado, “temos que ter unha AP9 galega e libre de peaxe”. Manifestou a súa “sorpresa” polas declaracións de Ana Pastor dicindo que o PP desbloqueará na vindeira lexislatura a transferencia a Galiza da AP9: “Hai que ter cara, moita cara, porque tanto o PP votan a transferencia no Parlamento de Galiza, e cando chegan ao Congreso, cando goberna o PP a veta o PP, e cando goberna o PSOE, veta o PSOE. Levamos así varias lexislaturas coa transferencia vetada polo bipartidismo. Por iso é preciso ter capacidade de decisión. A AP9 é galega, xa a pagamos as galegas e galegos moitas veces. É de xustiza que sexa galega e libre de peaxe”, insistiu.

Tamén no mesmo bloque de infraestruturas destacou que hai que adoptar medidas con urxencia en materia de seguranza viaria, fundamentalmente na N-554 e na N-550 ao seu paso por Vilaboa, xa que son estradas que teñen moitísimo tráfico e pasan por zonas moi poboadas nas que é preciso acometer a súa mellora e acondicionamento. “Estamos no mar, vivimos do mar”, dixo tamén, “polo que é lóxico, xusto e preciso que o Porto de Marín se transfira a Galiza, xa que a 600 quilómetros do Porto de Marín non entenden nin é unha prioridade o funcionamento dese porto. Necesitamos tamén que se faga esa transferencia a Galiza”.

En canto á recuperación das rías e do litoral salientou que non é lóxico que a máxima preocupación do departamento estatal de Costas no Morrazo sobre o coidado, mantemento e recuperación do litoral e o dominio público sexan os núcleos tradicionais que forman parte do modo de asentamento tradicional de Galiza.

Subliñou que hai necesidades por atender como a recuperación do dominio público para a mellora da mobilidade entre Agrelo e Portomaior en Bueu, ou a recuperación da fachada marítima de Marín “con 105 hectáreas ocupadas polo Porto e a Escola Naval que fan un ‘bloco’ enorme que corta a vista de Marín ao mar que hai que recuperar”. Tamén salientou a recuperación da enseada da praia de Meira, a estabilización do muro de Masandía (por accesibilidade) e o paseo marítimo de A Seara en Moaña, as sendas costeiras e a recuperación do Espazo de Ojea e a helisuperficie do concello de Cangas, e “outras necesidades que teñen que ver directamente coa recuperación das nosas rías e litoral”.

Finalmente, Da Silva falou de patrimonio cultural citando O Facho de Donón en Cangas, “un elemento patrimonial fundamental e simbólico e específico da nosa cultura, para o que precisamos que se acometa esa escavación e aula de interpretación, xa que ademais é o miradoiro das rías no Morrazo”.

Como peche, a candidata e futura deputada amosouse “segura de que no Morrazo moita xente, veciños e veciñas, apostarán pola necesidade dese grupo galego forte, porque apelamos á rebeldía, á sociedade que non se engurra e sempre reivindica o que é xusto. Demóstrano no Morrazo cada día e tamén proceso electoral tras proceso electoral confiando polas forzas propias, no BNG, que sabe que nunca vai defraudar. Con esa confianza que temos no Morrazo sabemos que teremos o grupo galego forte, e sabemos que van votar coa cabeza e o corazón o 23X podamos ver cumprido o soño dunha Galiza con futuro”, finalizou.

Na reunión estiveron presentes as alcaldesas de Moaña Leticia Santos, de Cangas Araceli Gestido, e Bueu Félix Juncal, que fixo de anfitrión; así como a voceira municipal de Marín Lucía Santos; Paulo Ríos, responsable comarcal e deputado; Daniel Rodas, candidato da comarca ao Senado; así como outras concelleiros e concelleiros e integrantes da formación de toda a comarca.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG