“Agora é o momento! Temos que frear á dereita e dar voz a Galiza da man do BNG”. Esa foi a petición que a cabeza de lista por Pontevedra, Carme da Silva realizou hoxe en Lalín no mitin de peche de campaña na provincia asegurando que os votos ao Bloque terán un valor dobre o vindeiro domingo.
Da Silva amosouse convencida de que o BNG vai ser “o dique que impedirá a Vox e C’s entrar en Galiza”, polo que animou a “votar con orgullo, dignidade e rebeldía para que Galiza conte e ser o dique de contención da dereita rancia”. Así o manifestou facendo un chamamento aos indecisos, á xente moza e ás persoas decepcionadas polas últimas lexislaturas para non perder un só apoio e concentrar no BNG os votos en “clave de país”.
“Xogámonos ser ou non ser. Que Galiza estea desaparecida, ignorada e cada vez máis discriminada. Está ao alcance da nosa man que o BNG sexa quen lle pare os pés á dereita rancia e machista”, dixo, instando a non deixarse levar pola política do mal menor e preguntándose cal é realmente o voto máis útil para Galiza. “Que fixo o PP? Que fixeron PSOE-Podemos-En Marea nos últimos dez meses? Subiron as peaxes e propuxeron un recortazo de 750 millóns de euros en investimentos”, subliñou.
Da Silva destacou o traballo realizado polo BNG cando estivo no Congreso e asegurou que a xente botou en falta que existise unha axenda galega en Madrid. Agradeceu a forza recibida por parte da xente nos actos, na rúa e nas redes sociais durante a campaña, polo que se aventurou a afirmar que o Bloque vai rebentar as enquisas e ser a gran sorpresa o vindeiro domingo. Lembrou que todos os inquéritos sitúan ao Bloque como a forza política que pode gañar o escano en disputa pola provincia de Pontevedra, e insistiu na necesidade de sumar os apoios de todos os que lle queren a Galiza.
A candidata salientou tamén a importancia de que os temas que precisa Galiza e o Deza estean na axenda do Estado defendidas por unha voz propia e sen ataduras. Neste sentido criticou a Ana Pastor, quen “sen ruborizarse” dixo durante esta campaña e ao longo de todo o país que está indignada porque non se lle transfire a AP-9 ou a AP-53 a Galiza. “Cando menos é curioso que o diga, porque tívoo na súa man en Madrid como ministra de Fomento e como presidenta da mesa do Congreso. Nós estamos convencidos de que a AP-9 e a AP-53 deben ser galegas, públicas e sen peaxes e sempre o defendemos así”, subliñou.
Tamén ironizou sobre as declaracións de Núñez Feijóo, que durante a campaña pediu aos galegas e galegas diferenciasen entre políticas útiles e inútiles e forzas que se deban ou non ao que lle din dende Madrid. “Está pedindo o voto para o BNG e non se dá conta!”, dixo Da Silva, lembrando que Feijóo só obedece ordes de Casado, poñendo como exemplo o uso do superávit. “Debe pensar que el non é unha franquicia de Madrid porque o chaman de Génova e pensa que é en Italia”, bromeou.
A candidata falou tamén da visión da muller que teñen os tres partidos da dereita. Asegurou que “defenden que as mulleres sigamos atadas á pata dunha mesa” e fixo fincapé nas palabras de Ana Pastor, facendo seguidismo das palabras de Casado, ou de Cayetana Álvarez de Toledo, da que dixo “mellor non comentar nada”.