Carme Adán entrega un "tupper" ao conselleiro de Educación en protesta polo "pago" dos comedores

Carme Adán entrega un tupper ao conselleiro de educación

A deputada defendeu unha Proposición non de lei para anular os concertos da Xunta cos centros que segregan ao alumnado por razón de sexo e criticou os recortes no ensino público

Carme Adán criticou o “dobre raseiro” do PP á hora de practicar recortes no ensino público galego mentres apoia con fundos públicos centros que segregan ao alumnado.

A nacionalista aproveitou o debate dunha proposición non de lei, debatida onte a última hora da tarde, na que reclamaba “ a anular” os concertos educativos cos centros que segregan ao alumnado segundo o sexo, para agasallar un tupper, cunha mandarina e un Kiwi, ao titular de educación en protesta polo “copago” nos comedores escolares anunciado o pasado 12 de marzo en sesión plenaria polo propio Jesús Vázquez.

A nacionalista asegurou que esta medida afectará a un gran número de familias galegas que deberán pagar un servizo que o BNG considera necesario para garantir un dereito fundamental como é o Dereito á Educación.

Para Carme Adán, o copago nos comedores escolares incidirá de maneira decisiva no deterioro do ensino público ao que xa hai que sumar, dixo, sucesivos recortes do Partido popular nos últimos anos.

Centros apoiados con fundos públicos que segregan ao alumnado

A parlamentaria pediu a “devolución da axuda pública” aos centros sexistas que, na súa opinión, deberían pechar por “non educar en igualdade”.

Adán reclamou a devolución dos tres millóns de euros “ilegais” destinados a estes centros de ensino e aludiu á recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que anula os convenios cos centros educativos que segregan ao alumnado por razón de sexo.

“A igualdade” dixo, e un dos principios básicos que debe rexer toda a educación e en ningún caso, “haberá discriminación por razón de sexo, relixión ou calquera outra condición persoal ou social”.

A deputada denunciou que na pasada lexislatura, o Partido popular en Galiza obviou a Lei e mantivo os concertos educativos que vulneran a igualdade entre nenos e nenas, “agora, engadiu, o PP aproveita a LONCE para levar a diante unha contrarreforma educativa” que aspira a normalizar o desvío de fondos públicos a centros privados que segregan e discriminan ao alumnado en función do sexo.

Adán reclamou que o Goberno galego “acate a sentenza do TSXG” e anule de “xeito inmediato” os concertos cos centros que segregan ao alumnado.

A proposición non de lei nacionalista foi rexeitada polo Partido popular.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG