Recuperar Vigo como motor económico e como cidade de cohesión social con servizos públicos de calidade, retos cos que o BNG-Asembleas Abertas se presenta aos comicios municipais de maio, cunhda candidatura que pretende ser a ferramenta útil para toda a cidadanía que non se resigna, nin a política de recortes do PP, ni ás bravatas de Caballero, en palabras do portavoz nacional, Xavier Vence.
Na presentación da candidatura na cidade olívica, -a primeira que realiza o Bloque en todo o país-, Vence subliñou o traballo feito pola formación nacionalista. Moitas das realizacións da cidade levan o selo do BNG, tanto desde o goberno como desde a oposición, como motor das reivindicacións da cidadanía e, de cara ás eleccións de maio, presenta unha candidatura renovada e ilusionada encabezada por Serafín Otero, un loitador contra as políticas de recortes do PP.
Vigo precisa dunha alternativa nacionalista para facer fronte tanto ás políticas da dereita como a un goberno local que finalmente traballa na mesma dirección pactando co PP. É unha candidatura modélica co obxectivo de recuperar Vigo como motor económico, capaz de crear emprego, con servizos públicos de calidade, -como a sanidade-, e que se empeñará en combater a exclusión social, sintetizou Vence.
Na rúa defendemos a sanidade pública, o naval, a pesca, o comercio local, estamos ao lado da xente. O que pretendemos facer, como ata agora, e levar esas demandas con propostas e traballo ao concello, recalcou, tras valorar o labor inxente do ata agora equipo municipal do BNG.
O cabeza de lista, Serafín Otero, fixo fincapé en que Vigo non pode volver perder catro anos cun alcalde sen proxecto, pendente da foto e do titular, soberbio e incapaz de escoitar a ninguén. Propoñemos máis e mellores servizos públicos, recalcou, e non partimos de cero, senón que temos unha experiencia de traballo con propostas para a cidade.
Otero quere que a indignación social se escoite nos plenos municipais. Os problemas da xente por diante, dixo, argumentando que o modelo de cidade ten que ir máis aló da loseta e do maceteiro. Facer transparentes as paredes dos despachos, sen negocietes, tras asegurar que é necesario loitar contra o desmantelamento dos servizos públicos, dos sectores produtivos como a pesca e o naval claves en Vigo, contra o retroceso dos dereitos e liberdades e para darlle futuro a mocidade.
Victoria Iglesias, número dous da lista nacionalista, fixo a presentación da candidatura BNG-Asembleas Abertas salientando a diversidade dos homes e mulleres que a integran pero unidos pola loita contra as desigualdades e a prol do benestar colectivo. O nacionalismo é importante nesta etapa para buscar solucións autocentradas na nosa realidade, concluíu.