O BNG confirma que votará o cese da valedora do Pobo no vindeiro pleno, tal como propuxo á Cámara, ante o empeño de Milagros Otero de aferrarse ao cargo pese á contundente sentenza do TSXG que conclúe que actuou con arbitrariedade e desvío de poder para enchufar nun cargo público nesta institución a irmá do portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy Fraga.
A portavoz nacionalista na Comisión de Peticións, Montse Prado, considerou totalmente irrelevantes os argumentos cos que Otero intentou xustificar a súa decisión de continuar, e considera que a contundencia e claridade da sentenza “a inhabilita para seguir nin un minuto máis á fronte dunha institución á que está desacreditando e causando un enorme dano na súa imaxe e na súa credibilidade ante á cidadanía”.
“Solo faltaría que non acatara a sentenza, e se tiña probas supoño que xa as presentou ante o TSXG, pero iso non é suficiente e á valedora do Pobo non pode continuar nin un minuto máis á fronte dunha institución que ten por función, precisamente, velar pola transparencia e polo cumprimento da legalidade”, alega a deputada.
Como non é así, “o BNG confirma que vai votar o cese de Milagros Otero no vindeiro pleno, porque estamos falando dun caso de arbitrariedade e abuso de poder, estamos falando dun caso de enchufismo para outorgar unha praza pública a irmá do portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy Fraga”, argumentou Prado, “unha vella práctica caciquil que tanto gusta ao PP”.
“A súa situación é insostible, se tivese respecto pola institución e polo pobo galego tería presentado a súa dimisión porque a sentenza a inhabilita”, recalcou, ademais de salientar que o tempo veu dar a razón ao BNG cando denunciaba a elección de Otero nun pleno cambalache en agosto de 2015 no que PP e PSOE se repartiron cargos na Valeduría do Pobo, na CRTVG e no Consello de Contas.
O Bloque, lembrou, denunciou que non era a persoa acaída para ocupar o cargo pola súa falta de imparcialidade, “de feito era tertuliana habitual nos medios públicos nos que sempre defendía os argumentos do PP e sempre que houbo un conflito co Goberno ou se puxo de perfil ou se posicionou en contra dos colectivos denunciantes, que mesmo teñen pedido a súa dimisiónl”.
Prado tamén foi moi crítica coa actitude do PP “incapaz, unha vez máis, de estar a altura ante un novo caso de corrupción que afecta de cheo ao Partido Popular, porque estamos falando dunha sentenza por enchufismo nunha institución pública nada menos que á irma do portavoz parlamentario do PP”, subliñou.