A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, deixou claro no pleno desta tarde o voto contrario do BNG á proposición non de lei pactada entre o PP e o PSOE sobre o vindeiro Consello Europeo dos días 27 e 28 de xuño.
Davila afirmou que o pacto acadado entre PP e PSOE que se vende como un grande acordo de Estado, déixanos claro dous aspeitos:
Un, que evidencia a preocupación por parar o declive do bipartidismo, e en segundo lugar, que comparten o mesmo modelo europeo economicista. Algo que fica claro no primeiro punto da proposición pactada, defenden unha Europa economicista, a Europa que tanta desgraza social provoca, unha Europa anti-social.
A deputada do BNG explicou que o BNG presentou unha emenda de totalidade ao texto PP-PSOE porque ademáis nada novidoso propoñen que non se teña discutido xa nos Consellos Europeos. O BNG considera que é necesario ir a unha Europa para defender outras políticas e cambiar a situación. Unirnos para ir a un Consello europeo a demandar a derogación do Memorándum de xeito que non se contemplen exixencias en materia económica ao Estado español, que a acción non estea intervida pola Troika, e se contemple a devolución íntegra dos aforros aos afectados polas preferentes.
A deputada do BNG pediu un cambio de rumbo nas políticas porque o prioritario debe ser a loita contra o paro, especialmente o desemprego xuvenil. A importanza de mellorar os créditos ás empresas, dignificar os salarios para que se poida dinamizar a economía e incentivar o consumo.
O Tax Lease, o agro e a pesca tamén son política europea
En relación a Galiza, Davila fixo unha especial mención ao expediente pendente de resolución sobre o anterior Tax Lease, e a alarma suscitada por un suposto borrador de Almunia, Comisario de Defensa da Competencia da UE, que sinala que os estaleiros terían que devoltar as bonificacións fiscais percibidas pola aplicación do anterior Tax Lease, e que superarían os 3.000 millóns de euros.
A deputada do BNG chamou ao PP e ao PSOE a demandar na UE a eliminación das restriccións e os vetos que pesan sobre o sector agrario, a pesca e o naval. Por que PP e PSOE non chegan a acordos para que non se obrigue ao noso sector naval a devolver as axudas polo anterior Tax Lease e que poidan seguer a producir?, pregunou a deputada do BNG.
Davila apelou a construir unha Europa distinta á que nos presentan na proposición. Vostés propoñen a mesma Europa que eleva os níveis de probeza e paro, que recorta a sanidade e educación públicas até extremos que o saben ben os que o padecen.
Outra das propostas que realizaba o BNG estaba centrada na necesidade de reformar o BCE, para que poida financiar aos estados, os seus representantes sexan elexidos democraticamente e o teña por obxectivo a creación de emprego e non a defensa de intereses bancarios. Para a portavoz do BNG outro eixe fundamntal é a loita contra a fraude, a evasión e os paraísos fiscais, algo ausente da proposta do bipartidismo.