A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, deixou claro no Pleno da Cámara o voto en contra dos nacionalistas galegos á convalidación do Real Decreto Lei de medidas para reforzar a protección aos debedores hipotecarios.
A nosa posición é crítica e votaremos en contra porque o Real Decreto é inxusto, insuficiente e moi limitado, e non aborda o fundamental que é a modificación da Lei Hipotecaria, enfatizou a deputada do BNG.
Davila reprochou a De Guindos que intenten calmar a presión social, xudicial e política cada vez maior debido á dramática situación de moitas familias e cidadáns cun Decreto que non arranxa nada porque vostés ceden á presión da banca constantemente. A deputada do BNG lembrou que nesta Cámara se debatiron en moitas ocasións nestes últimos anos iniciativas con medidas como as plantexadas polo BNG para afrontar con seriedade o grave problema dos desafiuzamentos.
Deixan fóra a moitas familias
É un Decreto insuficiente, inxusto e limitado. Vostés pasaron das medidas recomendadas polos xuices, polos colectivos sociais e polas organizacións políticas e deixaron fórma a multitude de familias e cidadáns que están en situacións moi preocupantes, afirmou Davila. Hai que lembrar que o Decreto non cambia a Lei Hipotecaria, non contempla a dación en pago, non toca os intereses de demora nen toca o valor de tasación, e por riba, non ten carácter retroactivo co cal fican fóra moitas familias.
A parlamentar nacionalista puxo de manifesto que as medidas do Goberno non resolven o problema, só quixeron facer unha operación de demostración de que facían algo debido á presión cada vez máis crecente. Acusou ao PP de ceder á banca, unha banca que xerou o problema debido á súa usura. Para Davila estas medidas son unha tomadura de pelo, nen siquera son un parche.
Nese sentido, salientou a crítica vertida pola Comisión Europea en relación á Lei Hipotecaria do Estado español que considera inxusta. Vostés non teñen vontade de cambiar o fundamental que é a Lei Hipotecaria.