O BNG vota en contra da reforma das taxas porque "é un parche" e pide a derogación da lei

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, explicitou esta mañá no Pleno o voto en contra das nacionalistas galegas ao Real Decreto polo que se modifica o réxime de taxas na Administración da Xustiza.

Davila puxo de manifesto que “vosté mantén levantada unha barreira no acceso á xustiza, mantén a reforma e non se afasta da filosofía de non cobrar por un dereito que é esencial como é o do acceso á xustiza”.

A deputada do BNG criticou a reforma do réxime de taxas realizada por Gallardón porque deixa insatisfeitos “aos cidadáns, aos xuices e avogados”. Lembrou unha enquisa feita polo Poder Xudicial o ano pasado que indicaba que o 84% dos cidadáns están en contra das taxas xudiciais.

Subliñou que “vosté só fai un parche porque pese a lixeiros retoques mantén os cobros na xustiza. Hoxe ven ao Pleno cunha reforma que non evita que a maioría teña que seguer pagando”. Puxo como exemplo o ámbito laboral: “manteñen as taxas nos recursos laborais cando os traballadores xa viven situacións graves”.

Olaia Fernández Davila dixo ao Ministro de Xustiza que “a lei de taxas xudiciais é un dos grandes erros deste Goberno”. E deixo clara a oposición do BNG ás taxas por iso “imos votar en contra deste Real Decreto porque segue a ser discriminatorio para a maioría, e beneficia incluso ás grandes empresas porque os consumidores que queiran recurrir malas prácticas empresariais terán que pagar taxas inasumíbeis”.

A portavoz do BNG subliñou que “non é un parche o que lle pedimos, senón a derogación da lei e que a xustiza volte a ser gratuita”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG