Parlamento Europeo

BNG vota en contra da presidenta Von der Leyen e da nova Comisión Europea

Ana Miranda
Ana Miranda

Ana Miranda: “Votamos en contra porque está en contra dos intereses dos sectores produtivos galegos e é a señora da guerra”

Na sesión plenaria celebrada hoxe en Estrasburgo, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, votou en contra da nova Comisión Europea e da súa presidenta Ursula Von der Leyen, xa que segundo explicou, “está en contra dos intereses dos sectores produtivos galegos” e ela “é a señora da guerra”, que non tivo ningunha palabra de condena ao xenocidio que Israel está cometendo en Gaza.

“É a señora responsable do austericidio, de políticas que van en contra dos intereses das clases populares, e por iso no BNG temos moi claro que non imos apoiar unha Comisión que está en contra dos intereses galegos. Non co noso voto”, manifestou a eurodeputada galega no Parlamento Europeo, que hoxe votou a constitución da nova Comisión Europea e que resultou aprobada con 370 votos a favor, 282 en contra e 36 abstencións.

De feito, Ana Miranda participou nas audiencias do Parlamento Europeo correspondentes á elección dos novos comisarios e comisarias da Comisión Europea para o período 2024-2027 que afectan de forma decisiva a Galiza. Na súa quenda de intervención nas distintas comparecencias, a eurodeputada galega formulou cuestións que afectan directamente a Galiza, desde os sectores produtivos como pesca e agricultura, á urxencia de crear un fondo europeo de vivenda pública ou a necesidade de paralizar proxectos como Altri, así como a pertinencia de que os fondos cheguen de forma axeitada para dar solución ás necesidades de infraestruturas e problemas sociais do noso país.

Así, Ana Miranda asistiu á audiencia correspondente ao novo Comisario de Comercio e Seguridade Económica; Relacións Interinstitucionais e Transparencia, Maros Šefčovič, un dos comisarios encargados das peticións e dos procedementos de infracción. Tamén asistiu á comparecencia do Comisario de Agricultura, Christophe Hansen, debido ao interese crucial que ten a agricultura e o sector gandeiro para Galiza.

Oposición a Altri

Por outro lado, a eurodeputada do Bloque participou na comparecencia do Comisario de Vivenda e Enerxía, Dan Jørgensen, en función dos graves problemas relacionados co acceso e o prezo da vivenda na Galiza. Ademais, interveu na comparecencia da Comisaria de Xestión de Crises e Igualdade, Hadja Lahbib, á que a eurodeputada do Bloque interpelou sobre a importancia da UNWRA e a seguridade alimentar en países en vías de desenvolvemento. Tamén participou na audiencia correspondente ao Comisario de Pesca, Costas Kadis, debido a importancia do sector pesqueiro e marisqueiro na economía galega, e na do Comisario de Asociacións Internacionais, Josef Sikela, na que expresou a posición do BNG contra as industrias extractivas.

Finalmente, participou na avaliación ao novo Vicepresidente Executivo de Asuntos Rexionais, Raffaelle Fitto, na que defendeu a descentralización dos fondos europeos, e na comparecencia da Vicepresidencia Executiva para Competencia e Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, a quen lle entregou en man un informe sobre Altri e unha carta solicitando que reciba aos colectivos que se opoñen a súa instalación en Palas de Rei.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG