O BNG vota en contra da participación militar española en Mali

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, interviu no Pleno esta mañá para manifestar a oposición do BNG á participación militar do Estado español en Mali.

Deixou claro que o BNG “non é partidario de participacións militares do Estado español en países soberanos”. Criticou as intencións deste tipo de operacións como a de Mali porque “teñen outros obxectivos, moitas veces máis cercanos aos intereses económicos e xeoestratéxicos”.

A pesar da Resolución 2085 do Consello de Seguridade de Nacións Unidas para Mali, que autorizaba o envío dunha forza internacional dirixida pola Unión Africana, “Franza, con importantes intereses estratéxicos e económicos na zona, decidiu intervir en solitario, provocando as críticas de moitas voces tanto en Europa como en África”.

A deputada nacionalista reprochou ao Goberno de Rajoy que “non só aplaudise a actuación de Franza, senón que incluso foi máis alá ao tomar a iniciativa de enviar o avión comprometido antes de que fose ratificado polo Congreso”.

Coas intervencións militares non vén a paz

Rosana Pérez puxo de manifesto o fracaso estrepitoso das intervencións ou invasións militares en terceiros países. “Teñen demostrado a súa absoluta inutilidade para propiciar o camiño cara a democracia, inutilidade para erradicar o terrorismo, inutilidade á hora de resolver os conflictos sociais, e inutilidade para mellorar a situación da poboación civil”.

Nese sentido, mencionou a Irak, Afganistán ou Libia, exemplos “claros de intervencións militares que non trouxeron a paz, e tampouco solucionaron os défices democráticos”. A parlamentar do BNG sinalou que a cidadanía do Estado español “foi moi clara noutras ocasións en relación ás operacións militares no exterior”. Asemade, censurou que nestes momentos de grave crise se incurra nun custe económico “cando se están a realizar brutais recortes nos servizos públicos máis básicos. Vanse destinar recursos económicos a outra operación militar cando se precisan para outras urxencias”.

A parlamentar nacionalista dixo que “o BNG nunca tivo vocación de xendarme internacional nen acredita en sistemas impostos polos máis poderosos. Somos pacifistas y anti imperialistas, e actuaremos en coherencia. Por iso imos votar en contra da autorización da participación de efectivos militares en Mali”.

 

http://youtu.be/TJ8wjLfM5LI

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG