parlamento galego

BNG volverá reclamar no Parlamento galego a intervención urxente da Xunta ante a situación que atravesa Barreras

Carme González
Carme González

Carmela González recrimínalle a súa inacción mentres Cantabria se felicita por que o barco saído do estaleiro vigués será rematado no estaleiro de SantanderA deputada proporá converter a débeda de Barreras co sector público en participacións sociais para facilitar a entrada no consello de administración

BNG levará este mércores polo trámite de urxencia ao Parlamento galego a situación do estaleiro Barreras, cuxo futuro continúa sumido na máxima incerteza, logo do traslado a Santander do único barco que se estaba a construír nas súas gradas.

Na iniciativa nacionalista, que será defendida pola deputada Carmela González ante a comisión parlamentaria de Industria, ínstase á Xunta a promover conxuntamente co Estado as accións necesarias para transformar toda a débeda do estaleiro coas diferentes entidades do sector público en participacións sociais, o que permitiría a estas entidades exercer o seu dereito a entrar no consello de administración da compañía.

De igual xeito, o BNG reclama na súa proposición non de lei que o Goberno galego poña en marcha un plan industrial e financeiro que garanta un horizonte de estabilidade no sector e que, ao mesmo tempo, sirva para relanzar a Barreras no mercado internacional.    

Neste sentido, González lembra que a saída do último buque en construción do estaleiro vigués cara ao santanderino Astander corresponde á necesidade de procurar dique seco para realizar os traballos de pintura, se ben o goberno de Cantabria xa se felicitou por que o barco -o cruceiro Evrima - será rematado en Santander, logo do seu pintado.  

A deputada nacionalista advirte que con esta situación, Barreras volve de novo á parálise na súa actividade, polo que reclama ao Executivo galego que abandone a súa inacción e actúe xa para garantir o seu mantemento e asegurar a súa viabilidade de futuro e, en consecuencia, o seu emprego.

O BNG inicia deste xeito unha nova ofensiva de iniciativas ante a Cámara galega na procura dunha solución para o estaleiro e para o conxunto do sector naval da ría de Vigo que, segundo subliña, está sometido no seu conxunto a un permanente “desleixo” pola total ausencia de políticas industriais da Xunta que, ata o de agora, rexeitou todas as iniciativas nacionalistas no Parlamento e segue sen tomar nin unha soa medida neste sentido. Para González, urxe que, dunha vez, o Goberno galego se implique e actúe ante a situación de Barreras e do sector naval para poder blindar o seu futuro.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG