O deputado do BNG, Cosme Pombo lamentou que unha vez máis, o Partido popular non se comprometa co dereito a unha vivenda digna e ampare a ilegalidade dos desafiuzamentos de familias galegas
O parlamentario do BNG, Cosme Pombo defendeu hoxe na comisión de Ordenación do Territorio unha proposta destinada a asegurar o dereito de todos/as os cidadáns a unha vivenda digna. O parlamentario demandou do Partido popular un compromiso real contra unha situación que afecta a moitas familias galegas.
Para isto, dixo, é necesario modificar a lei e reformar os procesos de execución hipotecaria cando a persoa debedora actuou de boa fe e o inmóbel é a súa vivenda habitual. A modificación debe admitir, recalcou, a dación en pago como cancelación da totalidade da débeda hipotecaria así como a moratoria no pago dos prazos pactados.
O parlamentario demandou a inmediata paralización dos expedientes de desafiuzamento en trámite, a anulación das cláusulas abusivas, impulsar un parque de vivendas sociais, presentar un Plano de promoción de aloxamentos para colectivos especialmente vulnerábeis nas poboacións galegas con máis de 20.000 habitantes e adoptar medias para que os cidadáns afectados teñan acceso gratuíto á Xustiza.
Execucións hipotecarias ilegais
Tras anunciar o portavoz popular, Jaime Castiñeiras o voto en contra á proposta nacionalista, o parlamentario do BNG lamentou que o Partido popular non defenda a máis de 8.000 familias galegas que perderon a súa vivenda das que foron despexadas por non poder pagala a través dun procedemento de execución hipotecaria, moitas veces contraria ao dereito comunitario e ilegal.
Familias galegas con contratos de préstamos con cláusulas abusivas e produtos tóxicos.Familias, abondou, que non atoparon amparo no Goberno galego para garantir esa vivenda.
Pombo lembrou que recentemente unha parella sen emprego e cunha persoa maior ao seu cargo con mobilidade reducida foi expulsada da súa vivenda e a Xunta de Galiza non foi quen de garantirlle un dereito recoñecido.
Dende o BNG denunciamos que non se pode gobernar para os culpábeis de crear humillación e miseria das familias galegas e as políticas do PP, en materia de vivenda, non atallan a emerxencia social polo que reiterou a necesidade de modificar a lei dos procesos de execución hipotecaria.
Hai máis de 8.000 razóns para que o Partido popular mude de política e defenda o dereito das persoas a unha vivenda digna, concluíu.