O BNG non se rende e considera a posibilidade de pedir un pleno extraordinario para debater a creación dunha comisión de investigación sobre o accidente do Alvia, despois de que o PP rexeitase a proposta nacionalista para modificar a orde do día da última sesión e incluír o debate e votación desa comisión.
O portavoz parlamentario, Francisco Jorquera, apelou ao demoledor informe da UE para romper o veto do PP, que respondeu á petición do Bloque ofertando unha declaración reclamando un informe incontrovertible. E quen vai elaborar ese informe senón é unha comisión de investigación parlamentaria na que comparezan todos os responsables?, se preguntaba Jorquera.
Para que exista ese informe primeiro ten que haber unha comisión de investigación independente e incontrovertida, e a CIAF non o é, replicou o portavoz parlamentario, para quen o mellor xeito de que se esclareza a verdade é que se investigue ata o final e que os responsables de adoptar as decisións que recortaron a seguridade nesa liña ferroviaria comparezan ante o Parlamento e se sometan ás preguntas e ao control, argumentou Jorquera.
Son xa catro as veces que o PP veta a creación dunha comisión de investigación reclamada polo Bloque e por outros grupos da Cámara, nesta ocasión obviando o contundente documento da UE, no que se establece que o accidente de Angrois non foi obxecto dunha investigación imparcial, que non existiu colaboración por parte do Ministerio de Fomento, que se centrou a responsabilidade no factor humano obviando outras cuestións clave e que conclúe reclamando que se reabra o caso.