O BNG valora o "gran apoio social" á decisión de aboar a extra de Nadal aos traballadores públicos

O BNG fixo hoxe un “balanzo moi positivo” da acollida que está tendo na sociedade a súa decisión de aboar aos traballadores públicos a paga extra de Nadal nos concellos nos que goberna e de defender o mesmo naqueles nos que está na oposición.

“O BNG plántase fronte a unha política desastrosa do Goberno que cos seus recortes nos está levando a máis crise, máis paro e máis recesión”, afirmou o alcalde de Bueu e responsábel de Iniciativas Municipais da Executiva do BNG, Félix Juncal, quen salientou que “pasadas varias semanas dende que anunciamos esta decisión, percibimos un gran apoio social a unha iniciativa do BNG perfectamente legal e asumible”.

A moción xa se debateu no Pleno de varios concellos e xa foi aprobada nos de Riotorto (Lugo) e Tomiño (Pontevedra), ambos gobernados polo BNG, aínda que será despois das vacacións do verán, cando co reinicio do curso político nos municipios, cando sexa abordada na maior parte dos concellos.

A medida do Goberno prexudicará aínda máis ao consumo e ao comercio pois afecta ao 21% dos asalariados de Galiza

Felíx Juncal advertiu de que a decisión do Goberno do PP de suprimirlle a paga extra de Nadal aos traballadores públicos terá un forte impacto económico ao retraer aínda máis o consumo.

E é que no caso de Galiza o recorte salarial afecta ao 22% dos asalariados, unha cifra próxima á media estatal. En total, e segundo os datos do INE, serán 201.000 os empregados públicos afectados no noso país, dos que 159.000 son funcionarios e persoal laboral fixo e 42.000 son traballadores temporais, “os que están nunha situación máis precaria e que retraerán máis o consumo”.

O responsábel de Iniciativas Municipais do BNG subliñou que “a maior parte deste persoal , sobre todo na Xunta e nos concellos, está vinculado a servizos sociais básicos, co que é inxusto que cando están a facer un esforzo suplementario para manter os servizos con menos recursos tamén se lles penalice quitándolle unha paga extra”.

Félix Juncal advirte do “forte impacto sobre o consumo e comercio galego desta decisión do Goberno, pois en Galiza o 22% dos asalariados son traballadores públicos”

Por iso, Félix Juncal advertiu de que “esta rebaixa salarial, unida á liberalización comercial tamén aprobada polo goberno do PP pon en perigo o pequeno e mediano comercio galego, que no que vai de ano xa se viu abocado a pechar 6.000 establecementos”.

O alcalde de Bueu rematou a súa intervención citando a Chillida “Un home ten que ter sempre o nivel da dignidade por riba do nivel do medo” e a Gandhi “En canto alguén comprende que obedecer leis inxustas é contrario á súa dignidade, ningunha tiranía pode dominalo”.

 

http://youtu.be/rHH_o-ows0Y

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG