A viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, denuncia que o Goberno da Xunta leva sete meses sen resolver a liña de axudas dirixidas a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego, posto que o prazo de presentación das solicitudes rematou o 28 de febreiro e desde entón os proxectos están a agardar pola Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC).
“É inadmisíbel que o Executivo do PP leve sete meses sen resolver unha convocatoria anual porque a súa demora está a prexudicar o sector”, denunciou Rodil, pois en ves de ser un aliado e un impulsos do sector “está a ser un problema”. Esta demora supón un dobre prexuízo, explica a nacionalista, primeiro porque xera unha situación de “incerteza” nos proxectos que presentaron a solicitude, “que non saben se contarán ou non coa axuda”.
Pero é que, ademais, “supón un prexuízo para o sector en relación ao acceso a outras fontes de financiamento como as axudas estatais” e, por iso, o Bloque urxe á Xunta “a resolver canto antes a convocatoria” e pedirá explicacións do retraso en sede parlamentaria.
Para o BNG, “esta é unha mostra máis do desleixo do PP coa cultura galega e da falta de impulso da Xunta de Galiza, incapaz mesmo de resolver unhas axudas en tempo e forma”, criticou.
“O audiovisual galego ten demostrado nos últimos anos que é un importante sector para o desenvolvemento social e económico do país colleitando grandes éxitos e recoñecemento internacional malia as dificultades. Esta liña de axudas dirixida a longametraxes e curtametraxes constitúen un importante apoio económico para o cinema galego”, conclúe Rodil.