A deputada do BNG, Alexandra Fernández, reclamou este venres no Parlamento a coordinación das administracións da Xunta de Galiza e do Concello de Vigo, en colaboración coas comunidades de montes e cos propietarios e propietarias dos terreos, para facer realidade canto antes o denominado “Anel Verde”, a faixa de protección forestal de seguridade no conxunto do monte que arrodea a cidade olívica e que permita protexerse dos incendios. O PP quedou só ao votar en contra da iniciativa do BNG.
Fernández criticou que as intervencións na Comisión 7º constataron o reparto de culpas entre as dúas administracións á hora de desencallar o proxecto. ”Non defraudaron, as intervencións foron para facer ese reparto de culpa e cero destinado a buscar unha saída a este problema”, subliñou.
O BNG rexeitou a emenda presentada polo PSOE na que instaba ao Goberno galego a redactar o proxecto definitivo do Anel verde de Vigo, partindo do anteproxecto existente.
“Con esta emenda o que fan é pasarlle toda a responsabilidade no desenvolvemento do proxecto á Xunta de Galiza”, criticou, e engadiu que lle resulta “incoherente” porque no seu momento, cando o Concello presentara o anteproxecto, en 2019, “as comunidades de montes fixeron alegacións e vostedes comprometéronse a facer modificacións pero non fixeron nada”, recordou.
“As responsabilidades son compartidas e o que pedimos é buscar unha solución entre as dúas administracións”, aclarou, pero advertiu que “tampouco por parte da Xunta vemos moito compromiso”.
Fernández recordoulle ao PP, despois de alardear de investir 1,4 millóns e euros en catro comunidades de montes, que é unha cantidade “absolutamente mísera e ridícula e que ademais deixaron sen executar 100 mil euros, para uns comuneiros que practicamente viron arder toda a súa masa forestal, que quedaron nunha situación de ruína económica e non tiñan capacidade de rexenerar as súas finanzas para abordar esa situación dramática”, lamentou.
Medidas de maior calado
O BNG, na iniciativa, máis máis aló ao reclamar a necesidade complementar esta actuación do Anel Verde con outras “de maior calado”, como o despregamento dunha faixa de defensa pasiva ou estratéxica a nivel supramunicipal, a ordenación territorial e o impulso de políticas específicas para a sustentabilidade dos montes periurbanos, atendendo ao seu importante retorno ambiental e social que xeran como infraestrutura verde. Ademais manifestou a necesidade de reforzar o protagonismo e os medios cos contan as comunidades de montes polo seu papel relevante á hora de efectivizar e soster estas políticas.
Fernández advirque que “ao final, se non hai unha superposición entre o Anel Verde e a Faixa de defensa pasiva, se non hai unha coordinación destas estratexias, é un absoluto desastre”. Precisamos que ambas administracións se senten e deseñen unha folla de ruta e non ir facendo cousas disparatadas”, recalcou.
Segundo se apunta na inciativa, en 2019 o Concello de Vigo remitiu á Consellería do Medio Rural o anteproxecto denominado “Anel Verde, que mediría cen metros de ancho e que atinxiría a preto de 50 km de superficie municipal e de monte en man común, que incluía a plantación de arboredo de especies autóctonas e non pirófitas ademais dunha senda de cinco metros de ancho que permitiría tanto o seu uso recreativo como o tránsito de vehículos de emerxencia para labores de extinción.
O proxecto, cun custo estimado de 8 millóns de euros e que cuxo trazado atravesaría as parroquias de Saiáns, Oia, Coruxo, Valadares,Zamáns, Beade, Comesaña, Cabral, Candeán e Teis, estivo bloqueado na práctica pola “falta de cooperación entre as dúas administracións, Xunta e Concello.
A deputada viguesa critica que o Concello se “excusa responsabilizando ao Goberno galego de non ter informado favorabelmente do anteproxecto, baixo o pretexto de esixir con carácter previo a disposición plena dos terreos nos que se vaia desenvolver”. Doutra banda, a Xunta de Galiza” limitouse a sinalar que o informe non era preceptivo nin vinculante e a reiterar unha disposición a colaborar que nunca se traduciu en nada concreto nin verificábel”.
É por iso que diante da inacción e o bloqueo institucional, tiveron que ser as propias comunidades de montes en man común, impulsadas e coordinadas desde a súa Mancomunidade de Vigo, as que fixeran realidade cos seus propios medios a execución dunha parte dese anel.
Fernández lembroulle ao PP que as comunicades de montes levan tempo pedindo “apoio, medidas como algo tan básico como ter cuadrillas durante todo o ano para poder abordar todos eses procesos de repoboación e de actuacións que se precisan tanto na xestión como na prevención de incendios, e non hai ningún tipo de axudas por parte da Xunta de Galiza a estas demandas”.
Na súa exposición de motivos, Fernández puxo en valor os montes que rodean a cidade como elemento estruturador do territorio e da vida cotiá das persoas, dos veciños e veciñas das parroquias periurbanas en contacto con estes.
Porén, criticou. “A valorización destes espazos, o seu coidado, nunca estivo na prioridade da axenda pública das administracións implicadas no urbanismo e na ordenación territorio”.
A deputada sinalou que “todo mudou” desde a vaga de incendios de 2017, e tamén da crise sanitaria da Covid 19, que “obrigaron ao conxunto da cidadanía e das administracións a poñer o foco nese anfiteatro verde que rodea a cidade”, tanto por cuestións de seguridade como de volver valorizar os montes a raíz da restricións de desprazametos durante a Pandemia.