BNG urxe á Xunta medidas efectivas para sanear a ría de Arousa e evitar que se repitan vertidos que xa son sistemáticos

 Montse Prado
Montse Prado

Montserrat Prado esixe ao Goberno do PP que determine a orixe da vertedura de abril e actúe: “contaminar non pode saír barato”, advirte

Reclama ao Executivo galego todos os medios necesarios para reverter a situación da “caída en picado” da produción dos recursos na ría arousá   

A deputada nacionalista Montserrat Prado reclamou á Xunta no Parlamento galego que articule de maneira urxente todas as medidas precisas para sanear a ría de Arousa e impedir que vertidos como os que chegaron a primeiros de abril ás praias da Illa, Vilanova e Vilagarcía “non volvan repetirse”.

Prado preguntou ao Goberno galego na comisión parlamentaria de Pesca se ten investigado e aberto algún expediente sobre as verteduras que en forma de bolas branquizas e graxentas -das que ensinou unha mostra- apareceron entre os días 10 e 11 de abril en distintas praias do sur da ría e que, segundo asegurou, todo apunta a que supoñen un novo capítulo contaminante e de agresión ao medio mariño arousán.

“Desgraciadamente non estamos diante dun problema puntual, senón que os episodios de vertidos son frecuentes”, advertiu, para engadir a continuación que os vertidos nas rías galegas segue a ser un problema non resolto en pleno 2022 e que “pon sistematicamente en risco a riqueza medioambiental, a produción pesqueira e marisqueira, a calidade das augas, ademais de supor un constante risco para a saúde das persoas”.

Máis de 450 puntos de vertido recoñecidos na ría en 2021

Neste sentido, recordou que o ano pasado, segundo información da propia Xunta, detectáronse na ría de Arousa 458 puntos de vertido, 14 máis que no exercicio anterior e dos que 53 foron contaminantes. “A nosa ría ten o triste récord de ser a que máis vertidos ten de toda Galiza”, alertou para incidir en que esta última vertedura é a punta do iceberg “do que acontece continuamente e que pon en evidencia que o saneamento da ría, lonxe de ser unha realidade, segue a ser unha asignatura pendente”.

“Vostedes seguen instalados nos anos 80 ao dicir que seguen traballando no saneamento da ría e chaman logros a que haxa 458 puntos de vertido na ría”, reprobou Prado á directora xeral de Augas de Galiza, á que replicou que o que o Goberno do PP chama “logro”, para o BNG e para o sector é un grandísimo problema e así o denuncian as propias xentes do mar que están a dar “un grito desesperado de alarma porque se están quedando sen produción”.

Deste xeito aludiu á “voz de alarma” dada hai uns días pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa xunto cunha vintena de colectivos vinculados co mar sobre a situación da produción na ría e que a deputada do BNG trasladou á comisión parlamentaria empregando as estatísticas de produción de diversos recursos nos últimos 20 anos realizadas a partir dos datos do portal de PescaGalicia.

Así, exemplificou a crítica situación da ría con varios datos: actualmente só se produce o 43% de ameixa fina da media rexistrada no período 2002-2021 (147 toneladas en 2021, fronte a unha media de 342 toneladas anuais); o 32% da media de ameixa babosa (con 185 toneladas en 2021, fronte á media no citado período de 575 toneladas); o 53% de ameixa rubia, o 22,8% de berberecho, o 79% de camarón e o 62% de percebe, cunha presencia na ría da maioría destas especies en continuo descenso e cunhas perdas no pasado exercicio cifradas polo sector en 10 millóns de euros.

Ao seu xuízo, o estado de alarma está máis que xustificado por parte do sector, que advirte do “risco de entrar na liña de non recuperación” e que ten na ría de Arousa o centro de gravidade en Galiza da pesca e do marisqueo, actividades intensivas en man de obra directa e indirecta, fundamentais para o tecido socioeconómico dos concellos da ría, cun nivel que vai do 10 ao 20% do seu PIB.

Prado tamén reprochou á directora de Augas as “sancións irrisorias” impostas pola Xunta a importantes conserveiras con verteduras reiteradas e contrastadas que producen danos moi elevados e advertiu que “o que non pode ser é que contaminar saia barato”.

“A actuación neste ámbito é bastante mellorable”, incidiu logo de reclamar ao Goberno galego, primeiro, que determine a orixe do vertido deste pasado mes de abril e que tome as medidas procedentes ao respecto e, segundo, que deixe de botar balóns fóra e actúe dunha vez por todas para garantir que non se sigan producindo vertidos e reverter a situación da caída en picado da produción dos recursos “porque a ría non está sa”. “Dediquen recursos económicos, materiais, humanos e técnicos para acabar cos vertidos e que a xente do mar poida vivir do mar, porque o que está en xogo é a vida de miles de familias na ría de Arousa”, concluíu.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG