Santiago de Compostela, 28 de setembro , 2021. “O goberno galego ten que liderar a saída da crise do estaleiro Barreras entrando no accionariado do estaleiro e liderar un proxecto de futuro para a construción e reparación naval na Ría de Vigo”, afirmou a deputada Carmela González na moción debatida no Pleno do Parlamento galego á que a portavoz popular, Teresa Egerique anunciou o voto en contra do Partido popular.
A nacionalista lembrou que Galiza, nos anos 70 copaba o 5% do mercado mundial pero na actualidade a realidade hoxe son “ gradas baleiras pola falta de actividade”. Dende o 2008, engadiu a nacionalista, a construción naval galega, “vangarda mundial pola calidade dos seus traballos e pola súa experiencia”, padeceu continuos vaivéns que o colocaron “nunha situación de incerteza constante”.
Na actualidade, explicou, “o sector naval na Ría de Vigo atópase nunha situación crítica” pola falta de actividade nos 3 maiores estaleiros: Barreras, San Enrique e Metalships e denunciou que durante 12 anos o goberno de Feixóo non foi capaz de trazar “unha folla de ruta” para a construción e reparación naval, “sector estratéxico no noso país”. A política industrial do Partido popular, dixo a nacionalista, é un “conxunto de parches, anuncios e propaganda”.
O anuncio do presidente Feixóo, en directo pola TVG, do supercontrato con PEMEX, salvación definitiva do estaleiro, ironizou, rematou coa investigación e condena por corrupción dun directivo e unha débeda millonaria que asumiu Ritz Carlton que estaba construíndo un cruceiro de luxo no estaleiro e pasou de ser cliente a ser dono.
A solución a este estrepitoso fracaso ía ser Ritz Carlton, a quen o presidente da Xunta de Galicia agradeceu ao director da cadea a confianza depositada na construción naval galega e a contratación dun segundo cruceiro en Barreras, “fachendeando de mediar ante a compañía para novas contratacións”. Viaxou a Miami para este agradecemento e mediacións e o resultado foron novos anuncios e propaganda porque Ritz Carlton só quería rematar o Evrima e desfacerse de Barreras, como quedou demostrado. “Outro gran fracaso” e agora Barreras continua “sen carga de traballo, cos traballadores na casa e unha débeda millonaria coas auxiliares ao bordo da creba”.
Dende o BNG dicimos que hai que parar o apoio económico sen unha implicación directa das administracións nas empresas e lembrou que no anterior pleno, o conselleiro Conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, respondía ao BNG estar “a favor de participar no capital de Barreras se o socio socio industrial con capacidade para desenvolver ese proxecto o considera oportuno, e mostramos o noso compromiso para facelo’, pero dende o BNG non entendemos que se o Partido Popular está a favor de participar no capital de Barreras, non inicie xa esa entrada polo que preguntou se o Goberno galego seguirá , concedendo axudas sen control.
“A Xunta de Galicia ten que adoptar unha postura activa na venda de Barreras, entrando no accionariado e traballando na procura dun comprador cun proxecto solvente que estabilice o sector naval na Ría de Vigo e garanta o seu futuro”, sinalou.
A deputada propuxo “unha enérxica acción da Xunta e a intervención pública para impulsar un holding, público-privado, entre os distintos estaleiros e empresas auxiliares e empresas transformadoras do metal na Ría de Vigo”.
Necesitamos recuperar o emprego perdido nos últimos 12 anos e crear unha Mesa do Naval para a Ría de Vigo, coa participación da Xunta de Galicia, do Goberno do Estado, así como das organizacións sindicais e empresariais máis representativas para buscar solucións efectivas que blinden a continuidade do sector.
A parlamentaria do BNG volveu a “tender a man” ao goberno galego para liderar a saída da crise do estaleiro Barreras formando parte do accionariado do estaleiro e liderar un proxecto de futuro para a construción e reparación naval na Ría de Vigo.