A deputada do BNG, Mercedes Queixas urxiu “ao goberno a cumprir os requirimentos do Consello de Europa, presentar a avaliación anual do decreto do plurilingüísimo e eliminar as limitación á docencia en galego”.
Nunha pregunta ao conselleiro de Educación, Román Rodriguez a deputada cominou a Xunta a dialogar coa sociedade galega e atender os “reiterados requirimentos” do Consello de Europa sobre as deficiencias na política educativa da Xunta que impiden o avance da normalización do galego e o cumprimento da Lei de Normalización Lingüística.
A Xunta incumpre as recomendacións do Consello de Europa
No mes de decembro de 2019 o Comité de Ministros do Consello de Europa emitía o informe periódico que advertía do incumprimento do acordo asinado polo Estado español coa Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas. No informe, explicou Queixas, o Comité de Ministros advertía da diminución de galegofalantes, da quebra da transmisión interxeracional do galego e da súa presenza insuficiente no ensino, para cuxa reversión propuña “eliminar as limitacións á docencia en galego que regula o Decreto de plurilingüísimo”.
Por outra parte, recentemente o goberno do Estado fixo pública a súa resposta aos requirimentos do Consello de Europa, nun informe que nega as limitacións ao ensino en galego en Galiza, como si verificou o Comité de Ministros, e afirma o “éxito do modelo plurilingüe”, amparándose nas avaliacións do goberno galego.
Nesta liña, a nacionalista explicou que o BNG demandou reiteradamente ao goberno que fixese públicos os resultados da avaliación anual como obriga a Disposición adicional quinta do mencionado decreto, pero o PP “nunca achegou ningunha avaliación propia”, polo que descoñecemos que avaliación entregou ao goberno español.
O Comité de Ministros do Consello de Europa, engadiu a deputada, acaba de facer público un novo informe de avaliación no que de novo constata os incumprimentos e a insta a informar das accións tomadas para cumprir o tratado internacional antes do 1 de agosto de 2023.
Pola súa banda a comunidade socioeducativa ofreceu unha nova e consensuada Proposta de bases para a normalización do ensino en Galiza, presentada aos grupos da cámara na pasada campaña electoral e sobre a que o BNG solicitou quincenalmente á Mesa da Comisión de Educación e Cultura a comparecencia dun representante dos colectivos que asinan a proposta para explicala neste Parlamento recibindo como “única resposta o veto do PP en cinco ocasións”.
O PP instalado na mentira negacionista
Tras a resposta do conselleiro que negou os datos difundidos pola nacionalista, Queixas afirmou que a política do PP en materia lingüística naceu “dunha mentira negacionista”, mófase do pobo galego e renega das súas responsabilidades e para mostra, dixo, a resposta que nos acaba de dar o propio conselleiro.
O BNG, engadiu a deputada, solicitou á Xunta a avaliación remitida ao goberno do estado e non nos foi facilitada. Con este proceder, “mófanse do pobo galego, renegan das súas responsabilidades estatutarias e incumpren os acordos dun tratado internacional co consentimento do goberno socialista”.
“Abandonen o negacionismo” ao que se someteron desde que gobernan e respecten os acordos internacionais. Escoiten a sociedade galega e cumpran co artigo 5 do Estatuto de Autonomía que os responsabiliza para fomentar o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e dispor dos medios necesarios para facilitar o seu coñecemento, recalcou.
A deputada tamén reclamou os datos oficiais da recente Avaliación da competencia bilingüe en galego e castelán do alumnado de 4º ESO, publicada pola RAG, que verifica o incumprimento da Lei de Normalización Lingüística, concluíu.