O deputado nacionalista Daniel Castro urxiu á Xunta no Parlamento galego a cubrir as prazas de psiquiatría que seguen baleiras no servizo de saúde mental da Mariña, distrito que contaba con tres psiquiatras e que dende hai unhas semanas só dispón dun, nunha comarca que aglutina a preto de 70.000 habitantes.
Castro advertiu que, a día de hoxe, hai 500 persoas en lista de agarda, “esperando para ser atendidas de doenzas que, en moitos casos, non son para agardar moito”, e recalcou que, ademais, todas aquelas persoas que estaban sendo atendidas a domicilio teñen que achegarse agora de xeito obrigado e presencial ao centro de saúde.
O deputado mariñán do BNG recordou que Galiza está á cabeza do Estado no consumo de tranquilizantes e que se duplicaron os intentos de suicidio e autolesións entre as e os adolescentes, pese ao que “os mozos e mozas da Mariña non poden ser atendidos na comarca porque non contamos con ningún psiquiatra infantil”. De igual xeito, apuntou tamén ao recorte da calidade asistencial nas residencias, dado que se ten que facer con horas extras.
“Se nos imos á psicoloxía dános unha media de 2,8 profesionais cada 100.000 habitantes, cando a media estatal, xa de por si é mala, está en 6”, afondou, para reprochar a continuación ao titular de Sanidade o estado no que se atopa o servizo de saúde mental na comarca.
Así pois, Castro recordou ao conselleiro que “levan dirixindo 13 anos unha sanidade da que teñen todas as competencias”, polo que o emprazou a non recorrer a argumentos baleiros nin a botar balóns fóra e reforzar con profesionais e recursos o servizo de saúde mental da Mariña, pero tamén os de todo o País xa que, segundo concluíu, “vivimos nun sen sentido tan grande que no peor momento da saúde mental da sociedade galega en décadas, xusto agora é cando peor estamos: a Xunta non só non reforza os recursos senón que nin tan sequera cubre as vacantes”.