parlamento galego

BNG urxe á Xunta a axilizar o asfaltado da estrada LU-653 entre a Pobra do Brollón e O Incio para garantir a seguridade vial

Carme Aira
Carme Aira

Carme Aira afirma que o actual estado da estrada está afectando  gravemente as relacións económicas e sociais de 750 veciños e veciñas  

Acusa ao deputado do PP, José Manuel Balseiro Orol de mentir cando afirma que a Xunta está rexenerando o firme e amosa diversas fotografías que constatan o actual deterioro da vía

A deputada do BNG, Carme Aira, defendeu unha proposicións non de lei instando á Xunta a “axilizar os trámites burocráticos previos ao asfaltado da LU-653 entre a capitalidade da Pobra do Brollón ata a localidade de Hospital do Incio, para proceder, no menor tempo posible, “ao asfaltado da vía co fin de garantir as comunicacións e a seguridade vial da poboación afectada”.

O Concello da Pobra do Brollón, explicou a nacionalista,  atópase no suleste da provincia de Lugo e limita ao norte co Concello de O Incio. Dende o núcleo urbano da Pobra, parte unha estrada autonómica que permitiría vertebrar ao propio concello e comunicalo coa localidade de Hospital no Concello do Incio, a LU-653. Na actualidade,  este tramo resulta “intransitable” por mor do estado de deterioro do asfalto. Ademais, engadiu a deputada do BNG, no propio municipio existe un gran número de  parroquias e lugares ás que lles resulta  moi difícil o  acceso dende a capitalidade do Concello a causa do devandito deterioro no asfalto. En opinión da deputada, estes núcleos de  poboacións viven ao borde da incomunicación e os seus habitantes non contan coa mínima seguridade vial, xa que nos meses de inverno estreitase o vial , ás curvas son  abundantes e ao mal estado do asfalto súmanse “ás inclemencias meteorolóxicas como a  neve e a xeada”, que comprometen a seguridade das persoas.

A pesares das iniciativas e demandas presentadas dende a Alcaldía da Pobra de Brollón as últimas informacións coas que contan é que se está valorando levar adiante o proxecto ao longo deste ano, cuestión esta que non sendo negativa tampouco abonda para resolver un problema moi principal para a poboación do Concello da Pobra do Brollón.

A incomunicación por estrada afecta a 10 parroquias, 3 lugares e  750 habitantes, que precisan dunha resposta do goberno polo que insistiu na urxencia de axilizar os trámites  burocráticos da Xunta para dar comezo, canto antes, ao asfaltado da estrada.

Tras a intervención do deputado popular, Balseiro Orol que afirmou que a Xunta está a rexenerar o firme, a nacionalista replicou que, unha vez máis, o “PP minte” e recalcou  que a estrada continua “nun pésimo estado”. A maiores, existe un lugar que lle falta máis dun metro a vía. Si realmente, o PP está elaborando un proxecto como afirmou Balseiro, porqué están rexenerando a vía? preguntou.

No  ano 2016 xa tiñamos información da intención da Xunta de investimentos para esa vía e no 2021, “está peor”. Isto é “unha tomadura de pelo para as 750 persoas afectadas”.

Na súa intervención, a deputada do BNG  amosou diversas fotografías para ilustrar “o pésimo estado do firme” e recriminou a falta de coñecemento do PP sobre a importancia dunha vía de comunicación que vertebra o rural, así como a súa actividade social e económica dentro do concello.

A deputada lamentou que o grupo maioritario do Partido popular rexeitara a reclamación do BNG para arranxar unha vía que hoxe en día resulta “intransitable”,concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG