O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, exixe ao Ministerio adoptar medidas de calado, estábeis e non puntuais para mellorar os servizos ferroviarios na Galiza, especialmente nas conexións do Eixo Atlántico, a comezar pola actualización e ampliación no sistema de venda de billetes e o aumento das prazas e frecuencias ferroviarias.
O actual servizo ferroviario está a xerar problemas, desconfianza e descontento entre as persoas usuarias, especialmente pola insuficiencia das prazas, unha cuestión que o BNG xa ten denunciado ante o Ministerio. “O problema da falta de prazas, que supón a imposibilidade a moitas persoas usuarias de comprar billetes, preséntase tanto na oferta de longo percorrido como, especialmente, na media distancia da Galiza. A isto súmase a imposibilidade de comprar billetes con antelación, pois os usuarios e usuarias só poden facelo até o día 14 de decembro para longo percorrido, e até 9 de decembro para a media distancia” lamenta o deputado do BNG no Congreso.
A falta de prazas é xa unha característica endémica nas conexións internas da Galiza, sobre todo, do Eixo Atlántico entre A Coruña e Vigo, Santiago e Vigo ou A Coruña e Ourense, especialmente para as fins de semana. “A insuficiencia de prazas non é algo temporal, é estrutural e vímolo padecendo durante os últimos anos. Precísase unha programación e unha planificación adecuada para axustar a oferta á alta demanda existente” afirma Rego.
“O Ministerio, ademais de mellorar o sistema, debe permitir aos usuarios e usuarias do tren adquirir billetes con suficiente tempo de antelación e sen colapsos no sistema” subliña Rego. Ademais, engade, é necesario que a estas alturas do calendario, as persoas usuarias poidan mercar os billetes para a época de Nadal “abrindo a venda de billetes o antes posíbel”.