BNG urxe a posta en marcha de medidas de prevención do suicidio ante o alarmante número de casos rexistrado en Galiza

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado considera que o plan aprobado no 2017 quedou en “papel mollado” e reclama máis recursos tanto persoais coma orzamentarios

Propón unha batería de medidas como a posta en marcha de unidades de atención infanto xuvenil nos hospitais, programas de intervención intensiva da conduta suicida, ou plans de formación para os profesionais de saúde mental

A deputada do BNG Montse Prado rexistrou no Parlamento unha iniciativa na que propón ao Goberno do PP a posta en marcha dun conxunto de medidas para a prevención do suicidio en Galiza. Ante o alarmante número de casos rexistrados, especialmente entre a xente nova,  Prado pide, entre outras cuestións, a posta en marcha de unidades hospitalarias de atención infanto xuvenil en todas as áreas sanitarias, campañas de concienciación e prevención de condutas suicidas e de autolesión ou a creación de equipas multidisciplinares para prestar unha atención integral dende a Atención Primaria.

Segundo as última cifras publicadas polo Imelga, no 2022 quitáronse a vida en Galiza 340 persoas, nove máis que o ano anterior, practicamente unha ao día. Dende o 2010, a cifra elévase a 4.501. “O suicidio segue a ter unha altísima prevalencia. Galiza segue encabezando as taxas de suicidios no Estado español”, apunta a deputada do BNG, que considera os datos “alarmantes” ao se colocar esta causa de morte entre as primeiras por causas externas, non naturais, “un problema con consecuencias sanitarias e sociais de primeira orde”. Máis aínda, engade, se se ten en conta que a OMS estima que por cada morte por suicidio consumada prodúcense entre vinte e trinta tentativas.

Montse Prado, que considera que a saúde mental se ten convertido na “gran pandemia post covid polo seu impacto na saúde”, advirte que o Plan de Prevención do Suicidio aprobado no 2017 quedou en “papel mollado”. A súa concreción en medidas e a dotación de recursos “é máis que insuficiente”, como demostra o feito de que Galiza siga á cola do Estado e da Unión Europea en taxa de profesionais, alega.

“Os tempos de espera para consulta son de meses, hai máis de oito mil persoas agardando por unha consulta de psiquiatría, e Galiza lidera o consumo de psicofármacos, especialmente entre as mulleres”, lamenta a deputada nacionalista, quen subliña ademais que, a pesar de que o 30 % das consultas teñen que ver cun problema de saúde mental, non hai persoal especializado en Atención Primaria.

Aínda que é coñecida a dimensión do problema, tampouco existe unha unidade de prevención do suicidio por área sanitaria nin unidade infanto xuvenil, dúas das medidas que o Bloque reclama na súa iniciativa parlamentaria. “É urxente que a Consellería de Sanidade teña como obxectivo prioritario a prevención do suicidio e poña en marcha medidas acordes a dimensión do problema”, apunta Prado.

É por iso que o Bloque reclama tamén un aumento do orzamento para a prevención acorde co problema e a posta en marcha de programas de intervención intensiva da conduta suicida en cada área sanitaria. Demanda así mesmo que se incremente o persoal especialista en saúde mental “até polo menos a media do Estado” e un aumento das prazas de formación tanto para profesionais de psiquiatría como de psicoloxía e enfermería especialista en saúde mental.

Co fin de establecer o alcance das medidas a tomar e actuar con eficacia, o Bloque tamén considera necesario a realización dun estudo para determinar as características das persoas suicidas en Galicia.             

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG