BNG urxe modernizar as infraestruturas e mellorar os servizos ferroviarios do FEVE na comarca de Ferrol

Néstor Rego
Néstor Rego

Rego reclama a implantación do servizo de proximidade ferroviaria con frecuencias e conexións adaptadas ao horario laboral e de estudos nas principais áreas metropolitanas

Reclama ofrecer servizos de calidade en materia ferroviaria para fomentar o seu uso como alternativa ao vehículo particular

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar novas iniciativas na cámara baixa- tras o incendio no motor dun FEVE en Narón- polas deficiencias que presenta a liña entre Ferrol e Ribadeo e reclama actuacións urxentes para a mellora do servizo. A formación nacionalista aposta por implantar o servizo de cercanías con frecuencias e conexións adecuadas na comarca de Ferrol e no resto de áreas metropolitanas da Galiza. Así mesmo, reclama adaptar as frecuencias aos horarios laborais e de estudo e garantir o seu cumprimento co obxectivo de fomentar o uso do transporte ferroviario como alternativa ao vehículo particular.

O pasado luns, á altura de Piñeiros (Narón), as usuarias e usuarios dun tren de proximidade tiveron que ser desaloxados por mor dun incendio que comezou nos baixos da locomotora. “Un exemplo máis de todos os problemas que se producen case diariamente nesta liña que precisa de actuacións urxentes” subliña o deputado nacionalista. De facto, nas últimas décadas, distintos colectivos, os concellos da comarca e o propio BNG veñen denunciando o abandono progresivo e o desmantelamento da liña Ferrol-Ribadeo, privando así aos usuarios e usuarias dun servizo que, para a organización nacionalista, é “básico e esencial para a comunicación áxil e sostíbel”.

“Os servizos e frecuencias- xa deficitarios- sufriron un grave recorte durante o confinamento. Mais, a día de hoxe, o Goberno do Estado segue sen recuperar as conexións anteriores á declaración do estado de alarma” lembra Néstor Rego. Para o deputado nacionalista, a pandemia “non pode empregarse como xustificación para continuar desmantelando o servizo ferroviario na Galiza, nesta liña e tamén as que conectan o resto das cidades galegas”. Así, a baixada na demanda utilízase como argumento para non incrementar a oferta e garantir un servizo de calidade. “É imposíbel fomentar o uso do tren como transporte alternativo ao vehículo privado se non se estabelecen frecuencias suficientes, fiábeis e compatíbeis cos horarios laborais” denuncia Rego.

No caso da comarca de Ferrol, as poucas frecuencias dispoñíbeis son moi pouco fiábeis, o que tamén serve de disuasión, producíndose accidentes e continuos atrasos que non ofrecen confianza ás persoas usuarias. Na localidade de Narón, ademais, a liña ferroviaria de FEVE divide o concello en dous e “o que podería ser utilizado como un servizo de proximidade moderno que permitise conectar á poboación deste concello coas localidades próximas e a cidade de Ferrol, convértese nun impedimento para a mobilidade do municipio”.

Rego lembrou que o BNG tamén presentou emendas aos Orzamentos do Estado co obxectivo prioritario de mellorar as infraestruturas ferroviarias da Galiza. “É necesario implantar un servizo de proximidade en todas as áreas metropolitana e o avance no desenvolvemento dun transporte ferroviario de mercadorías” explica o deputado do BNG, e incluíu unha emenda específica sobre a situación do concello de Narón, onde é necesario integrar as vías dentro do entorno urbano e, nalgúns casos, é preciso trasladar as estacións e apeadeiros existentes na actualidade, xa que se atopan fora dos núcleos principais, e lograr así camiñar cara a implantación dun auténtico servizo de ferroviario de proximidade.   

En definitiva, para a organización nacionalista é imprescindíbel a modernización da rede ferroviaria na comarca de Ferrol, aumentar as frecuencias e mellorar a seguridade para que non volva producirse un episodio como o acontecido en Narón o pasado luns. “A liña FEVE, que da servizo ás comarcas da Mariña, Ortegal e Ferrol ten que converterse nunha alternativa de transporte colectivo e sostíbel propio do século XXI e iso pasa por investir na súa modernización e mellorar a calidade do servizo” reivindica Rego.


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG