Senado

BNG urxe mellorar o novo Protocolo contra o acoso sexual no CSIC

Carme da Silva
Carme da Silva

Carme da Silva demanda corrixir as deficiencias do actual, como a falta de sancións disciplinarias, co obxectivo de protexer as mulleres traballadoras na entidade pública

“Aplicar o principio de precaución sempre como premisa. O Ministerio debe tomar con seriedade e rigorosidade este problema” adianta a senadora do BNG

A senadora nacionalista defende que “nin unha muller máis debe volver pasar polo que Mari Carme tivo que pasar nin polo que lle fixeron”

A senadora do BNG, Carme da Silva, rexistra novas iniciativas para que o Goberno do Estado mellore o Protocolo fronte ao acoso sexual no CSIC para ofrecer as mulleres traballadoras as máximas garantías de protección e seguranza. O BNG, ante as deficiencias do antigo protocolo e após a modificación do mesmo tras o caso de María do Carme Fernández, exixe a actuación do Ministerio de Ciencia, carteira competente neste asunto, para modificalo e corrixir as eivas existentes, como a falta de sancións disciplinarias até que non haxa unha sentencia xudicial firme condenatoria.

Despois do que lle aconteceu a María do Carme, camareira embarcada no buque oceanográfico García del Cid do CSIC, o BNG dirixiuse en varias ocasións ao Ministerio de Ciencia para preguntar non só sobre este caso particular senón polos numerosos casos que se coñeceron con motivo das denuncias de moitas mulleres. Entre as respostas do Ministerio de Ciencia, destácase que entre 2019 e 2023 houbo “12 denuncias formais e 12 activacións do protocolo, admitíndose a trámite 7 e abríndose expediente disciplinario en 5 casos, en 3 deles aplicáronse sancións”.

Á marxe das cifras oficiais, lembra a senadora do BNG, un colectivo de máis de 20 mulleres que traballan para o CSIC vertían luz en marzo pasado ao relatar todas as situacións de acoso sexual e abusos que sufrían. “Por moito que o Ministerio se escudase no Protocolo, está claro que non funcionaba  nin protexía ás mulleres” apunta da Silva. De facto, o propio CSIC admitiu que tivo que poñer en marcha medidas adicionais.

O pasado 29 de abril, o Congreso forzou a aprobación dun novo Protocolo fronte ao acoso sexual, mais, aínda que mellora algunhas cuestións “tamén foi obxecto de críticas por deficiencias como a falta de sancións disciplinarias ata que non haxa unha sentenza xudicial firme condenatoria”. Este baleiro, sinala a senadora nacionalista, deixa en papel mollado moitas das denuncias que se poidan producir. “Some nunha total desprotección as mulleres do CSIC que non ven un compromiso real para atallar ou poñer fin ás situacións de acoso e aos abusos sexuais” denuncia Carme da Silva

“Esperar a sentenzas xudiciais firmes é un auténtico brinde ao sol coñecendo a lentitude da xustiza en tramitar estes casos, por non falar da falta de garantías para que sigan adiante” indica. Neste sentido, a senadora evidencia que o lóxico “é aplicar o principio de precaución sempre” polo que defende que “nin unha muller máis debe volver pasar polo que Mari Carme tivo que pasar nin polo que lle fixeron”

“É importante que o Ministerio se tome con seriedade e rigorosidade este problema ofrecendo ás mulleres as máximas garantías de protección e seguridade. Non hai que esquecer que no CSIC traballan máis de 15.000 persoas” afirma de forma contundente a senadora nacionalista.

As testemuñas e os relatos que se puideron coñecer durante estes días, após un ano da desaparición de Mari Carmen no buque do CSIC, así como as investigacións realizadas por profesionais da comunicación como a xornalista galega, Lara Graña, preocupan. “Unha institución pública como é o Centro Superior de Investigacións Científicas non poden permitir ningún tipo de comportamento machista e retrógrado” sentenza da Silva.

Sobre o ERE nun organismo público: “atar cabos e ver máis sombras”

En xullo pasado, recorda a senadora do BNG, transcendía a noticia de que o CSIC iniciara un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) para a tripulación do Buque Oceanográfico García do Cid, alegando o organismo o despezamento do barco. Unha decisión inexplicábel nunha Administración Pública con persoal laboral fixo (afecta a 12 persoas) e que casualmente afecta o barco onde desapareceu Mari.

“Resulta inevitábel atar cabos e ver máis sombras que luces neste caso caracterizado pola opacidade e a falta de transparencia” alerta Carme da Silva. Por unha banda, ten difícil explicación defender un ERE para a tripulación dun barco dun organismo público con convenio colectivo. E, por outro lado, ten difícil defensa unha decisión adoptada a menos dun ano da desaparición dunha compañeira no medio de decisións incongruentes coa situación da traballadora e que requirise da asunción de responsabilidades.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG