O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas para evitar a deslocalización do servizo de atención telefónica ao cliente de Unión Fenosa Distribución na Coruña, por parte da empresa Teleperformance, e garantir a continuidade dos postos de traballo. A organización nacionalista defende realizar os cambios necesarios para blindar o servizo de atención ás persoas consumidoras, tamén para aquelas que queiran ser atendidas en galego. Propón que se condicione o acceso das empresas eléctricas a fondos públicos e a novas autorizacións de xeración a que a súa actividade económica repercuta de maneira positiva no territorio creando postos de traballo estábeis.
Nos últimos anos, o Grupo Naturgy está a trasladar a súa actividade de atención ao cliente fora da Galiza. Fíxoo en 2013 e 2019 e, a partir de setembro, o servizo de atención telefónica ao cliente de Unión Fenosa Distribución (UFD) –que presta o servizo de atención para as avarías eléctricas- pasará a realizarse en Colombia. Este servizo levaba prestándose desde facía 25 anos na delegación da cidade da Coruña, tanto en galego como en español, e daba cobertura á Galiza e a outras zonas do Estado onde a compañía ten despregada a súa rede de distribución.
Esta decisión tomada por Naturgy supón a perda dun servizo básico e esencial para a cidadanía, ademais da perda de 90 postos de traballo que van ser deslocalizados. A empresa só promete manter 20 postos para “asegurar” a atención en galego mais a organización nacionalista entende que o volume de usuarios fai que “os vinte postos non sexan suficientes” ademais de que a xornada de traballo será de tres turnos, de 8 a 22h, co que as chamadas que se produzan fora dese horario serán atendidas desde Colombia “sen garantir o dereito a unha atención adecuada”.
“O Goberno do Estado, en colaboración coa Xunta de Galiza, deben realizar as xestións, mediacións ou negociacións precisas para impedir a deslocalización do servizo de atención telefónica ao cliente de Unión Fenosa Distribución por parte da empresa Teleperformance” defende o deputado do BNG. Néstor Rego, ademais, demanda que se acometan os cambios normativos necesarios para garantir unha atención ás persoas consumidoras e usuarias de calidade e unha adecuada prestación dos servizos, así como “garantir o dereito da cidadanía a unha atención en galego de maneira áxil e sen incremento na espera ou retraso na tramitación”.
A todo isto súmanse outras decisións que tamén supoñen a restrición de servizos e a eliminación dos postos de traballo, como son o traslado do Centro de Operación de Redes de UFD da Coruña a Madrid ou o peche do antigo Museo de Arte Contemporánea de Unión Fenosa. “Non é de recibo que empresas que obteñen inxentes beneficios mediante a explotación de recursos naturais na Galiza, onde se asumen os custos ambientais pola xeración de enerxía, nin sequera asuman o compromiso de manter postos de traballo e aposten pola deslocalización a outros territorios” afirma Rego.
Neste sentido, o deputado defende a idea de condicionar o acceso das empresas eléctricas a fondos públicos, como poden ser os fondos europeos Next Generation, ou a concesión de autorizacións para a instalación de novas plantas de xeración de enerxía eléctrica a que, entre outros criterios, os beneficios obtidos pola súa actividade teña un retorno económico no propio territorio produtor, asegurando, por exemplo o mantemento de postos de traballo existentes e a creación de novos empregos.
“O BNG defende outro modelo, pois entende que os poderes públicos deben garantir unha atención de calidade, personalizada, próxima, coñecedora de primeira man da realidade que xestionan” sinala o deputado nacionalista.