O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, anuncia o rexistro de novas iniciativas durante a visita á Ponte do Vao, no Concello do Corgo, para que o Goberno do Estado leve a cabo a súa restauración, limpeza e posta en valor. A organización nacionalista defende a necesidade de que se leven a cabo actuacións precisas tanto para a limpeza e rexeneración da Ponte como medidas para a renovación da sinalización e a incorporación de paneis informativos sobre a historia e as características deste monumento arquitectónico.
Na intersección do río Chamoso co Camiño Real, na antiga N.VI, situado no termo municipal do Corgo e lindando co concello de Lugo, encóntrase a Ponte do Vao. Esta infraestrutura, construída no século XVIII, conta con catro vans de luces iguais de 5,5 metros, resoltas con arcos de medio punto. “Unha xoia arquitectónica que permanece oculta pola maleza e nun estado de total abandono” denuncia o deputado do BNG no Congreso.
Néstor Rego, acompañado pola voceira do BNG no Corgo, Pilar Bellón, así como doutros membros e cargos orgánicos da organización nacionalista no concello, fixo público o rexistro de iniciativas en que instan ao Ministerio de Transportes, titular da infraestrutura, a rematar co mal estado de conservación en que se encontra a Ponte do Vao. Na visita tamén estivo presente o tenente de alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, concello lindeiro na outra marxe da ponte.
“O Goberno, no concreto o Ministerio de Transportes, debe levar a cabo a rehabilitación desta Ponte mais será preciso contar tamén coa participación da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e levar adiante un diálogo continuado cos concellos afectados, principalmente o do Corgo, máis tamén o de Lugo” sinala o deputado do BNG. Ás labores de limpeza e rexeneración das zonas degradadas, hai que sumar as necesarias e urxentes actuacións de conservación e posta en valor, subliña Rego, como mellorar a iluminación da ponte ou a colocación de paneis informativos para explicar a historia da infraestrutura e as características arquitectónicas que posúe.
Atendendo a súa importancia histórica, cultural e patrimonial a Ponte do Vao “debe ser posta en valor, a comezar pola súa limpeza, para permitir a súa visualización íntegra por parte das persoas camiñantes e visitantes”.