BNG urxe o Goberno a rehabilitar e ceder gratuitamente o antigo cárcere da Coruña

Néstor Rego e Francisco Jorquera
Néstor Rego e Francisco Jorquera

Ante a situación de bloqueo actual e a recomendación da avogacía do Estado, Néstor Rego exixe a Interior renunciar á reclamación xudicial e non interpor recurso

“O Ministerio e a SEIPSE deben seguir a mesma estratexia que a xa seguida con outras construcións semellantes noutras partes do Estado” reivindica Rego

Jorquera instará o goberno municipal a que inicie novamente negociacións do Goberno do Estado: “o lóxico e xusto sería a súa reversión gratuíta ao seu lexítimo dono”

O Bloque Nacionalista Galego anuncia o rexistro de novas iniciativas nas Cortes do Estado para exixir ao Ministerio de Interior renunciar a interpor recurso ante a sentenza do Xulgado de Primeira Instancia número cinco da Coruña que declarou nulo o Convenio asinado entre Concello e Goberno en 2005. O deputado do BNG insta o Goberno a negociar co Concello da Coruña a rehabilitación do antigo cárcere e a súa posterior cesión gratuíta, adoptando así, a mesma estratexia seguida noutros lugares do Estado.

As últimas noticias a respecto do antigo cárcere provincial da Coruña veñen da man da Avogacía do Estado, recomendando ao Ministerio de Interior recorrer a sentenza do Xulgado de Primeira Instancia número cinco da Coruña. Esta sentenza declara nulo o Convenio de 2005 –asinado entre Concello e Goberno- e indica que as administracións non podían ter acordado o intercambio de parcelas pois non é posíbel a permuta de bens de dominio público, só de bens patrimoniais. O Xulgado indicou que “a demandante non entregou nada ao concello, co que nada ten que devolver”.

“Agardamos que o Ministerio de Interior, e no concreto a SEIPSE, desistan do seu empeño de asfixiar o concello coruñés reclamándolle cantidades exorbitantes  cando o Convenio de 2005 xa foi anulado” subliña o deputado do BNG no Congreso.  Neste momento, indica Néstor Rego, a vía máis acertada “é a negociación entre o Concello da Coruña e o Ministerio para poder levar adiante a recuperación e rehabilitación do inmoble do antigo cárcere e a súa posterior cesión gratuíta ao Concello”.

Por outra parte, o deputado nacionalista insta o Ministerio a adoptar a mesma estratexia seguida con outras construcións semellantes noutros lugares do Estado en que mesmo cedeu terreos e inmóbeis, que albergaron cárceres, aos concellos. “O caso de Soria ou Granada son recentes. Non sería comprensíbel que o Goberno non manteña a mesma actitude a respecto do cárcere da Coruña” sinal Rego.

“O BNG sempre considerou que o convenio subscrito por Francisco Vázquez era ilegal porque os terreos do cárcere eran propiedade municipal que foron cedidos ao Goberno para usos penitenciarios. Por tanto, rematado ese uso, o lóxico e xusto sería a reversión gratuíta ao seu lexítimo dono” reivindica o voceiro municipal do BNG na Coruña. Ademais, lembra Jorquera, tal e como está estabelecido na sentenza “é o Estado a quen lle competía facerse cargo da conservación e mantemento” do inmóbel.

“Se non for porque nos opuxemos, o Concello xa tería pagado 2.300.000 euros, ademais de non contar con ningún compromiso por parte da Administración Xeral do Estado de, tan sequera, para contribuír para a rebalización do edificio que a día de hoxe está nun estado ruinoso” recorda Jorquera. Para o voceiro municipal do organización nacionalista “non é de recibo que un edificio que posúe enormes posibilidades estea neste estado” e mesmo reúne as condicións para converterse nun espazo sociocultural, entre outros.

Neste sentido, Jorquera avanza que o BNG levará a debate e votación unha moción ao vindeiro pleno municipal instando o Goberno da Coruña a iniciar novamente as negociacións co Estado para acadar a cesión gratuíta do cárcere e tendo o compromiso do executivo estatal contribuíndo nas obras para a rebalización do cárcere: “é unha cuestión de vontade política”.

Unha hemeroteca que cabe lembrar para coñecer a situación actual

O antigo cárcere da Coruña está situado nunha parcela cedida polo Concello. Esta edificación, en 2027, cumprirá un século de existencia mais deixou de ter un uso carcerario en 1998 aínda que mantivo funcións de inserción social até 2009. Co obxectivo de recuperar os terreos, o Concello da Coruña asinou un Acordo co Ministerio de Interior, mediante a Sociedade de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios e da Seguridade do Estado (SIEPSE) en 2005 a cambio de ceder a parcela que ocupa o centro de inserción social de Monte Alto e pagar ademais unha cantidade cifrada en 1,2 millóns de euros.

Porén, nova documentación dos anos 20 sobre o acordo entre Estado e Concello para a construción do cárcere, feita pública en 2013, descubriu que se pactara que o edificio, cando xa non tivese uso carcerario debía reverter no Concello de forma gratuíta. A pesar da clareza dos documentos, SEIPSE decidiu acudir aos tribunais para reclamar o pagamento.

Aínda que en xullo do 2020, o Tribunal Supremo sentenciou que a reversión gratuíta non era posíbel, de forma paralela, a SEIPSE abrira unha segunda vía xudicial no ano 2014 que permaneceu paralizada en espera de se se podía alcanzar un acordo entre ambas as administracións. A SEIPSE activou o ano pasado este procedemento segundo o cal demandaba ao concello case 15 millóns de euros por varios conceptos. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG