Senado

BNG urxe garantir a chegada da fibra óptica a todos os fogares da Galiza

Carme da Silva
Carme da Silva

Ante o apagamento da era cobre, a senadora do BNG rexistra iniciativas para coñecer as actuacións do Goberno a respecto da substitución pola fibra óptica no rural galego

Da Silva: “Ningunha vivenda no ámbito rural da Galiza pode quedar desconectada. Débense estabelecer mecanismos para asegurar o acceso universal”

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar iniciativas nas Cortes do Estado para coñecer as actuacións do Goberno ante os problemas e deficiencias no proceso de substitución da era do cobre pola fibra óptica no ámbito rural da Galiza. A senadora do BNG, Carme da Silva, defende garantir a chegada da fibra á totalidade dos fogares da Galiza e unha maior implicación do executivo para non deixar incomunicadas as zonas rurais galegas, asegurando a igualdade e o acceso universal ás novas tecnoloxías.

A era do cobre remata dando paso á fibra óptica e supondo un avance cara a unha rede con mellores prestacións, menos centrais, espazo e custo. Un progreso que, en opinión da organización nacionalista, “ten dereito a acceder todos os fogares, garantindo a igualdade de condicións a todas as poboacións, sen que o ámbito rural quede atrás”. Neste sentido, e ante os problemas que se están a presentar en multitude de núcleos do mundo rural na Galiza, Carme da Silva rexistra iniciativas para que o Goberno do Estado asuma un maior compromiso: “ten o deber de asegurar a igualdade e a universalidade no acceso ás novas tecnoloxías”.

“Son moitas as zonas, denominadas escuras, en que se augura incomunicación e o temor de quedar desconectadas, sobre todo en Ourense e Lugo. Do mesmo xeito, veciñanza de localidades como Dozón, Santa Comba ou Muras explican atrasos importantes na chegada da fibra óptica” exemplifica a senadora do BNG. Neste sentido, Carme da Silva convida o Goberno a informar adecuadamente á poboación ante o apagamento e habilite un mecanismo de reclamacións para que a cidadanía poida canalizar as súas queixas e reclamacións de forma clara e directa.

“Ningunha vivenda da Galiza pode quedar desconectada”

Galiza, explica a senadora nacionalista, conta coa maior dispersión poboacional do Estado con milleiro de núcleos de poboación. “Para evitar o apagamento total en áreas rurais existen alternativas como o acceso por radio ou satélite mais moitas veciñas e veciños estano descartando polo seu custo e porque, sobre todo, non garanten unha boa operatividade nin a cobertura de todos os servizos contratados” apunta a senadora.

“O Goberno do Estado debe coordinar coas operadoras de telefonía o proceso de extensión da fibra óptica no ámbito rural galego de modo que non se produzan problemas de demora, incumprimentos de datas e situacións de incomunicación e de illamento de núcleos de poboación ou de vivendas e compatibilícese adecuadamente a fase de substitución, sobre todo nas zonas escuras de cobertura de telefonía” conclúe Carme da Silva.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG