Senado

BNG urxe finalizar o proxecto de saneamento do río Barbaña e a construción da EDAR de San Cibrao

Carme da Silva
Carme da Silva

“Hai que actualizar o proxecto construtivo e non dilatar máis no tempo a contratación para que os e as ourensás poidan ver en marcha a EDAR” pide Carme da Silva

Defende impulsar as actuacións neste ano e solicita coñecer o calendario que manexa o Ministerio para o remate das obras

 

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar novas iniciativas nas Cortes do Estado ante as respostas emitidas polo Goberno do Estado a respecto do proxecto de saneamento do río Barbaña, mellora da EDAR de San Cibrao das Viñas, Fase II (Ourense). No concreto, a senadora do BNG, Carme da Silva, solicita ao executivo pide actualizar o proxecto construtivo, acorde á normativa vixente, na maior brevidade e garantir que as actuacións de construción comecen este ano. Alén do máis, quere coñecer o calendario que manexa o Ministerio para a execución das obras.

A última resposta do Goberno ao BNG no Senado do 2 de setembro deste ano indica que a Declaración de Impacto Ambiental emitida o pasado 8 de febreiro “estabelece unha serie de condicionantes que debe cumprir o proxecto e incorporarse ao mesmo de forma previa á súa aprobación técnica”. Neste sentido, alude as medidas para reducir ou eliminar o impacto dos olores.

Como consecuencia, indica, propúxose un cambio “do sistema de desodorización e o confinamento de diferentes elementos da EDAR”. Ademais, o Ministerio sinala que é precisa a actualización do proxecto á normativa vixente en canto á xestión de augas pluviais.

En anteriores iniciativas parlamentares, o BNG lembrou ao Goberno do Estado “o importante retraso que sofre o proxecto de finalización do saneamento do río Barbaña, mellora da EDAR de San Cibrao Viñas, Fase II (Ourense) con anos a voltas”. Unha infraestrutura, destacou a senadora nacionalista, que non pode agardar máis para a súa execución.

“Hai que actualizar o proxecto construtivo e realizar a contratación que agardamos non se dilate máis no tempo para que, por fin, os ourensáns e ourensás poidan ver a EDAR en marcha” sinala Carme da Silva.

Alén do máis, a senadora do BNG quere coñecer o calendario que manexa o Ministerio para a execución das obras e exixe darlle inicio neste ano.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG