Congreso

BNG urxe dotar de persoal suficiente a oficina de Correos de Narón

Néstor Rego
Néstor Rego

“Correos, como empresa pública, debe manter a súa función de servizo e, para garantilo, debe contar co persoal e os medios necesarios para prestalo adecuadamente” sinala Rego

Olaia Ledo, candidato do BNG á alcaldía de Narón, exixe unha solución áxil, rápida e permanente ante a situación de colapso que sofre o servizo público postal dunha localidade que aumenta en poboación

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar novas iniciativas na cámara para que o Goberno do Estado atenda as deficiencias do servizo público de Correos en Narón ante a falta de persoal e a sobrecarga de traballo que sofren os traballadores e traballadoras actuais. O Bloque Nacionalista Galego traslada a necesidade de cubrir todas as baixas causadas por xubilación, dotando este servizo de persoal suficiente, así como as baixas temporais por enfermidade e vacacións, para poder prestar un servizo público e as persoas traballadoras do centro poidan desenvolver o seu labor de maneira eficaz.

A situación de Correos en Narón é, para a frente nacionalista, inadmisíbel. En xaneiro de 2021, o BNG denunciou no Congreso a situación que se producía ao verse reducido o seu persoal tras a perda de postos non recuperados coa xubilación de varias persoas traballadoras. Estas prazas non foron nunca cubertas como tampouco o están a ser as baixas médicas ou por vacacións, a pesar de que Narón aumentou a súa poboación nos últimos anos.

A finais de 2020 houbo unha protesta por parte dos e das traballadoras, así como da veciñanza, conseguindo que Correos contratase persoal eventual para axilizar o traballo mais, unha vez rematada a sobrecarga de traballo, decidiu prescindir do persoal e nunca se recuperaron os postos perdidos coa xubilación.

“Dous anos despois atopámonos nunha peor situación pola xubilación doutras sete persoas. Correos decidiu só substituír unha delas e trasladou aos traballadores e traballadoras que debían aumentar en 25-30% as súas zonas de reparto para cubrir todo  o territorio” denuncia o deputado do BNG. Néstor Rego sinala que esta non é a solución porque, ademais de non atallar o problema, sobrecarga o persoal  e existen unha mala coordinación de todo o traballo.

Por todo isto, o persoal de correos de Narón ten programada unha folga o día 16 de marzo e empezaron esta semana cunha folga durante as dúas últimas horas de cada xornada e que foi apoiada nos primeiros días por 70% do persoal.

“Correos, como empresa pública, debe manter a súa función orixinaria de servizo público como operador responsábel de prestar o Servizo Postal Universal e, para garantilo, debe contar co persoal e os medios necesarios para prestalo adecuadamente” reclama Rego. Por todo isto, o deputado demanda ao Goberno atender de forma especial á dotación de persoal, garantindo o número de traballadores e traballadoras necesarias para a atención do servizo, cubrindo as baixas que se produzan e ampliándoas alí onde sexa necesario.

A portavoz e candidata do BNG á alcaldía de Narón, Olaia Ledo, puxo en valor o traballo desenvolto pola formación nacionalista a respecto da situación de Correos e destacou a organización como “a única que leva a voz de Narón a todas as institucións e seguirémolo a facer”. A pasada semana, lembra, o consistorio aprobaba unha declaración institucional a respecto do problema de Correos, após o rexistro dunha moción do BNG para o seu debate. “Este servizo deficitario implica que, en numerosas ocasións, as cartas non cheguen a tempo e, mesmo, o persoal de Correos teña problemas de saúde pola sobrecarga de traballo. Unha situación que non se pode manter no tempo e que Correos debe solucionar canto antes” reivindica Olaia Ledo.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG