O deputado do BNG, Ramón Fernández trasladou ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, a necesidade de protexer a ermida e o conxunto patrimonial de Santa Margarida do Val no concello de Narón ante o inminente risco de desprendemento dalgúns dos seus elementos.
O parlamentario do BNG explicou que ademais da capela de Santa Margarida o lugar acolle un cruceiro, e unha fonte semellante á de de Santo André de Teixido, resultando un conxunto patrimonial histórico, artístico e etnográfico da máxima relevancia, que na actualidade presenta “estado lamentábel”, sobre todo no edificio da ermida, cuxa degradación impide a celebración de actos litúrxicos no seu interior como era habitual nas festas patronais.
“A restauración da capela, ademais de ser unha urxencia para veciños e veciñas” afirmou o nacionalista, sería unha ocasión idónea para “retirar definitivamente elementos alleos á capela ” entre os que destacou un cadro eléctrico e a uralita do tellado, ademais de “recuperar as tradicións e a feira “ e dar a coñecer ás persoas da comarca e visitantes “a evolución cultural a través das súas diferentes manifestacións así como a integración do cristianismo en tradicións e lugares de culto anteriores”.
Desde o BNG, dixo, Mon, queremos preguntar se a Xunta de Galiza conta cun plan para restaurar e poñer en valor esta ermida e o seu conxunto patrimonial. Pola súa parte, o titular de Cultura eludiu anunciar algún compromiso sobre a reclamación do nacionalista e propuxo demandar a protección e recuperación do mencionado conxunto patrimonial á Deputación da Coruña.
Tras a resposta do conselleiro, o deputado indicou que a Xunta subvenciona habitualmente, a través de convenios coas dioceses, “a restauración de igrexas e outros monumentos”, e lembrou que a propia consellería anunciou unha nova partida para a concatedral de San Xiao, á que sumou a Igrexa da Nosa Señora das Dores, en Ferrol, e a igrexa de Santa Rita, en Xuvia, polo tanto, dixo, non é descabelado reclamar “o mesmo trato para a ermida de Santa Margarida do Val”.
O parlamentario do BNG advertiu que o actual estado da ermida “é preocupante” e pode ocasionar algún accidente no seu interior de aí a urxencia para protexer ás persoas que mostran interese polo edificio.
O nacionalista convidou ao conselleiro a visitar o lugar e participar das festas patronais que se van celebrar na primeira fin de semana de mes de xullo. Con motivo das festas, a Asociación de veciños e veciñas do Val, Os irmandiños, e a Comisión de festas de Sta. Margarida, “invítano a vostede a visitar a ermida e a parroquia, e de paso tamén á función, que teñen preparada”.
Para o deputado, a visita do conselleiro a ermida, a fonte e o cruceiro, serviría para constatar, in situ, “o lamentable estado no que se atopa a ermida, o cruceiro e a fonte” así como a necesidade da súa posta en valor e o potencial que posúe para divulgar as orixes da nosa cultura, e impulsar outros ámbitos relacionados co turismo e artesanía de madeira, ademais de recuperar a feira que se celebraba até mediados do século pasado, concluíu.