congreso

BNG urxe Correos a solucionar os diversos problemas existentes en Santiago de Compostela

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego demanda ao Goberno adoptar as medidas necesarias para reverter o desmantelamento dos servizos nas instalacións do CTA da Lavacolla

O BNG denuncia, máis unha vez, a perda de calidade do servizo postal tras a decisión do executivo de trasladar a Valladolid o centro de operacións existente en Compostela

A organización nacionalista vén de rexistrar novas iniciativas nas Cortes do Estado ante a perda de calidade do servizo de Correos en Santiago de Compostela urxindo o Goberno a tomar as medidas necesarias que revertan a situación. O deputado do BNG, Néstor Rego, exixe ao executivo contratar persoal para cubrir as prazas vacantes, reforzar e mellorar o CTA de Lavacolla e dotalo de maior capacidade de tratamento postal, un ano e medio despois de que decidisen centralizar parte do servizo en Valladolid.

O recorte de medios tecnolóxicos e a falta de persoal no centro de Correos en Santiago de Compostela, tal e como vén denunciando a organización nacionalista desde xaneiro de 2022, está a ocasionar unha perda de calidade no servizo postal. “Os recortes en medios xunto á endémica falta de persoal, ás baixas que non se cobren e os períodos de vacacións, están a crear moitos problemas de retrasos e atascos na repartición do correo postal” evidencia o deputado do BNG no Congreso.

De facto, lembra Rego, non é a primeira vez que a frente nacionalista denuncia esta situación posto que cando Correos decidiu trasladar o centro operativo a Valladolid xa se tiñan rexistrado iniciativas. “Advertíamos daquelas que sería o inicio do progresivo desmantelamento das instalacións do CTA de Lavacolla: coa supresión dunha liña completa de clasificación de correo normalizado, composta por unha máquina FSM+IRV e mesmo unha máquina, das dúas que había, IRV que permitía clasificar40.000 cartas á hora, admitía certificados e notificacións e lía as direccións e as indexa” recorda.

“O servizo de repartición debe procurar a maior calidade e proximidade  fin de garantir a eficacia e eficiencia. Do punto de vista económico, racional e de efectividade, non se entenden os motivos de Correos para trasladar a clasificación postal do correo da Galiza até Valladolid” afirma Néstor Rego. O Goberno, continúa o deputado do BNG, debe rectificar esta política de desmantelamento dos servizos e ofrecer á cidadanía un servizo postal de calidade.

En opinión da organización nacionalista, Correos debe contratar máis persoal que permita cubrir as vacacións do cadro de persoal e as baixas que se producen, así como para garantir axilidade no servizo. Do mesmo xeito, debe reverter o desmantelamento do CTA de Lavacolla e permitir que estea operativo a cen por cen do rendemento que antes tiña.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG