congreso

BNG urxe Correos a acabar co abuso laboral que sofren as traballadoras do servizo de limpeza

Carme da Silva e Néstor Rego
Carme da Silva e Néstor Rego
En iniciativas presentadas no Congreso e no Senado, o BNG demanda a rescisión do contrato coa empresa adxudicataria que leva meses sen pagar as nóminas e incumpre o prego de condicións

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a senadora, Carme Da Silva, veñen de presentar iniciativas parlamentares para urxir a Sociedade Estatal Correos a pór fin á situación de precariedade laboral das traballadoras do servizo de limpeza de Correos e rescindir o contrato coa empresa adxudicataria JCordoba por incumprimento do prego de contratación.

A externalización de servizos e a precariedade laboral

Denuncian que a empresa concesionaria do servizo iniciou a súa actividade incumprindo as condicións tanto no relativo á dotación de material para realizar a limpeza como no concernente aos dereitos laborais das traballadoras e traballadoras. Levan catro meses sen cobrar as nóminas e tras moitos actos de protesta víronse obrigadas a secundar unha folga indefinida para reclamar o pagamento dos seus salarios e que se rescinda o contrato coa devandita empresa.

Os parlamentares do BNG consideran que “este abuso laboral é inadmisíbel no espazo dunha Administración pública que non debería tolerar estes tipo de situacións de malos tratos laborais nun servizo externalizado pero que se leva a cabo en dependencias públicas e baixo un contrato coa Administración”.

As contratacións públicas deben seguir un código ético, laboral, ambiental e sostíbel

O BNG defende que o lóxico é que sexan públicos e de xestión directa todos os servizos relacionados coa Administración pública. Mais, en todo o caso, apela á responsabilidade de Correos e lémbralle que un organismo público debería rexerse por un código ético, laboral, ambiental e sostíbel nas súas contratacións. “É obriga da Sociedade pública revisar as propostas das diferentes empreses, a súa solvencia, historial, os seus antecedentes e optar por ofertas serias e viábeis”.

Reprochan á entidade pública que primase un criterio economicista no canto de coidar as relacións laborais porque “en caso de problemas coa contrata as consecuencias sempre as paga a parte máis feble que son as traballadoras”.

As traballadoras están nunha situación de grande vulnerabilidade

Os parlamentares nacionalistas urxen Correos a solucionar este problema canto antes porque “a situación é xa insostíbel para este colectivo que non pode facer fronte aos mínimos de subsistencia. Igualmente insostíbel para  o persoal de Correos que está a desenvolver os seus traballos nunhas condicións de insalubridade e sucidade intolerábeis”.

O BNG entende que Correos non pode seguir alongando esta situación dada a irresponsabilidade dupla: por unha banda, a vulneración dos dereitos laborais e por outra, as condicións de salubridade do persoal das oficinas de Correos na Galiza e outras áreas afectadas. 




 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG