O deputado do BNG, Luís Bará urxiu ao Goberno galego a “reclamar as transferencias pendentes” porque en 12 anos, o executivo de Feixóo foi “incapaz” de conseguir unha soa transferencia, fronte as 14 do bipartito en catro anos.O nacionalista cualificou de “fiasco, calamidade, desastre e pura incompetencia” a xestión dos gobernos de Feixóo durante 12 anos.
Nesta liña, na interpelación ao Vicepresidente primeiro e conselleiro, Alfonso Rueda, o parlamentario nacionalista comezou cunha cita: “Por culpa do bipartito, Galicia non ten nin policía autonómica nin competencias en materia de tráfico. Galicia non conta con competencias policiais propias, a diferencia do que acontece en Cataluña, País Basco e mesmo Navarra” e preguntou ao conselleiro se lle soaba a cita porque foi pronunciada por un “tal Alfonso Rueda” ironizou.
Bará lembrou que onte mesmo, na proposta de lei do BNG para reclamar as transferencias en materia de Tráfico e Seguridade Viaria, aprobada polos votos do BNG e PSOE, “o PP votou en amarelo, o PP abstívose”, esta é a postura que manteñen vostedes, criticou.
É necesario, convocar a Comisión Mixta e debe ser o PP o que pida esa convocatoria. O BNG xa incluíu un punto especifico nos acordos sobre a AP-9, un asunto de máxima transcendencia para o noso país. Grazas a esa demanda no acordo de investidura, “non de lexislatura” recalcou, hoxe estamos falando das rebaixas da AP-9 e queremos que se apliquen canto antes. Por certo, o acordo de investidura impediu que gobernara o partido da Gurtell, apostilou.
O PP segue con escusas para xustificar a falta de competencias
Hoxe do que se trata e de facer balance do Partido popular e non de volver “as escusas” do tipo, o PSOE en Madrid non nos fixo caso cando gobernaba pero é que logo viñeron os seus e “tomáronlle o pelo” durante seis anos co goberno do Mariano Rajoy.
Durante eses seis anos, explicou Bará, foron completadas 16 transferencias a 7 comunidades mentres a vostedes o seu propio partido “os trataba coma un felpudo”. Vostedes, remarcou, “non defenderon os intereses de Galiza, non reclamaron nada, actuaron como un goberno inútil e incapaz”. E agora, a maiores, utiliza como escusa a pandemia pero que pasou durante os últimos anos?, preguntou o nacionalista.
Co goberno de Rajoy seguen en marcha transferencias con Euskadi, con Nafarroa, con Andalucía que conseguiu a transferencia de costas, igual que Canarias e nós continuamos quedando atrás.
O deputado acusou ao goberno da Xunta e ao PP de querer un pais pequeno tutelado, bonsai, ou mellor dito, “un eucalipto” e dende o BNG reclamamos un país grande, forte, en plenitude, “un país Carballo” e por iso seguiremos demandando todas as transferencias pendentes co fin de chegar ao máximo teito competencial.
Queremos trazar o futuro da Galiza do século XXI, un futuro sen os corsés e normas herdadas polo franquismo de 1971, concluíu.