O BNG reclamoulle á Xunta unha solución para a circulación de peóns no lugar de O Couto, Oleiros, atendendo así ás demandas dunha veciñanza que leva máis dun ano reclamando máis seguridade para atravesar a Avenida República Arxentina, a AC-173, propiedade da administración galega.
A deputada por A Coruña, Mercedes Queixas, advertiu ao Goberno do PP “durante un ano, durante 52 semanas, 52 luns, ás 14 horas, as rutinas da veciñanza do Couto e da Proba (Oleiros) pararon para concentrarse en demanda de melloras na seguridade viaria”, protestas que se atoparon coa desatención da Consellería de Infraestruturas, que non foi capaz de dar unha solución “a un problema que pon en risco a vida das veciñas e veciños de O Couto”, recriminou. De feito, unha representación das veciñas e veciños atopábase na tribuna de persoas convidadas no Parlamento.
Este punto quilométrico onde a veciñanza reclama máis seguridade viaria reúne 20 vivendas situadas nas dúas marxes da vía, “ás que hai que sumar as doutras 100 vivendas das rúas que conflúen aquí e que superarían os 250 veciños, ademais da veciñanza que fai uso das sendas peonís e de carril bici”, explicou Queixas. Ademais, o lugar conta cunha parada de bus metropolitano entre A Coruña e Sada e tamén un bus escolar ao que suben nenas e menos desde os 3 anos.
O cruce “expón a veciñanza ao perigo permanente” pola intensa circulación continua e con límite de velocidade a 70 Km/h, “o que, no caso de persoas maiores, mesmo leva a renunciar a coller o autobús, a ir á igrexa ou ao cemiterio, se non teñen que os acompañe para cruzar”, denunciou a parlamentaria do BNG. Unha veciñanza, resumiu, “que vive condicionada e limitada por un severo risco de atropelos e de accidentes. Non debería pasar, pero pasa”.
Lembroulle ao Goberno do PP o requerimiento que sobre isto lles fixo a Valedora do Pobo, “que lles pediu por segunda vez os informes requeridos sobre a situación de perigo en que se da veciñanza neste cruce. Lémbralle tamén que está vostede na ilegalidade, incumprindo a lei con este silencio”, recriminou. A deputada por A Coruña emprazou a Ethel Vázquez a “non esconder a súa desatención e inacción detrás dos técnicos” e “facer o seu traballo con compromiso de achegar una solución á veciñanza”, algo que non obtivo o compromiso do PP na Cámara.