Senado

BNG urxe ao Goberno combater a elevada sinistralidade laboral na Galiza

Carme da Silva
Carme da Silva

Aumentar o persoal de inspectores de traballo na Galiza ou actualizar a Lei de Prevención de Riscos Laborais: tarefas que da Silva pon ao Ministerio de Traballo

Carme da Silva solicita “actuacións contundentes” para garantir a seguranza no traballo e impulsar a formación en prevención

A senadora do BNG, Carme da Silva, rexistra novas iniciativas na cámara alta solicitando ao Ministerio de Traballo que afonde nas causas da alta sinistralidade laboral na Galiza e desenvolva todas as medidas precisas para reducir esta cifra. Da Silva propón actualizar a Lei de Prevención de Riscos Laborais, aprobada en 1995, e desenvolver o Plan de Choque de 2019 para que “ningunha persoa perda a vida por mor do seu traballo”, en colaboración coa Xunta de Galiza. Así mesmo, recorda a necesidade de aumentar o persoal de inspección de traballo -necesarias para combater a precariedade laboral e garantir a prevención e a seguridade-, así como a transferencia das competencias á Galiza.

Os datos de sinistralidade laboral na Galiza son, segundo describe a senadora do BNG, alarmantes. “No que vai de ano producíronse 13 mortes na Galiza. A sinistralidade laboral subiu 7,11% de 2022 a 2023, sendo na Comunidade onde máis creceu” subliña. Por sectores de actividade, a construción é o sector con maior índice, seguido da industria e da pesca.

Ante esta situación, a senadora do BNG demanda ao Ministerio de Traballo novas actuacións para frear e combater a elevada sinistralidade laboral da Galiza. “Queremos coñecer tanto a avaliación que realizada o Ministerio destes datos como as medidas que ten previsto levar a cabo” explica Carme da Silva.

Paralelamente, a nivel lexislativo lembra que a Lei de Prevención de Riscos Laborais data do ano 1995 e anima ao Ministerio a levar a cabo unha actualización da mesma. “Durante estas décadas produciuse unha evolución no mercado de traballo, con nos situacións e cambios no mundo laboral que deben ser contemplados. O Goberno debe adaptar o texto ás novas realidades” especifica a senadora do BNG.

“Na pasada lexislatura o Ministerio de Traballo aprobou un Plan de Choque contra os accidentes mortais no traballo ante as elevadas cifras de 2019. O obxectivo era que ningunha persoa perdese a súa vida por mor do traballo, en liña co estabelecido pola Comisión Europea para reducir a sinistralidade laboral mortal” lembra. Neste sentido, da Silva pide información ao Ministerio para coñecer as actuacións que levou a cabo, en colaboración coa Xunta de Galiza, e o balance que fai o Ministerio sobre a aplicación dese Plan de Choque.

Aumentar a prevención e a inspección. Transferir á Galiza as competencias

Outra das demandas do BNG, lembra a senadora nacionalista, é a necesidade de reforzar a Inspección de Traballo co obxectivo de garantir o cumprimento das medidas en materia de seguranza. “Aumentar o persoal de inspectores de trabalo na Galiza aparece recollido nunha moción aprobada nesta cámara na Comisión de Traballo que, alén de solicitar que se cumpran as ratios de profesionais, solicitaba o posicionamento da cámara alta para que o Ministerio iniciase a transferencia á Galiza en materia de xestión de Inspección do Traballo” afirma Carme da Silva.

“A precariedade laboral con ritmos de traballo centrados na hiperprodución, con extenuantes xornadas laborais, a redución dos tempos de descanso, a falta de formación en prevención, a relaxación das medidas de seguridade e a falta de inspectores de traballo nun número suficiente, son factores que inciden no aumento da sinistralidade laboral” sinala.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG