congreso

BNG urxe un acordo entre Xunta e Estado para fixar as compensacións económicas ao sector marisqueiro da Ría do Burgo

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego cualifica de “indecente” e “frívola” a resposta do Goberno do Estado sobre as compensacións económicas para as persoas afectadas polo dragaxe da ría coruñesa.

A formación nacionalista lembra que ese acordo é imprescindíbel para garantir o sustento de moitas familias que deberán prescindir do seu único ingreso cando menos dous anos.

O deputado do BNG, Néstor Rego, considera inaceptábel a resposta do Goberno español ás preguntas presentadas pola formación nacionalista sobre as compensacións económicas ás mariscadores e mariscadores da Ría do Burgo na que se limita a dicir que as competencias corresponden á Xunta sen asumir responsabilidade algunha pola execución das obras que motivan o paro da actividade.

Para o deputado do BNG resulta “indecente” e “frívola” a postura manifestada polo Goberno do Estado e na que elude as súas responsabilidades como entidade responsábel da execución das obras que suporán o cese da actividade marisqueira sinalando á Xunta como única competente no asunto.

“O MITECO e a Consellaría deben sentarse a negociar sen máis dilacións as axudas que precisa o colectivo” afirma Néstor Rego. Neste sentido, o deputado lembra que as obras xa foron licitadas polo Ministerio e, precisamente por iso, chegar a un acordo é máis urxente que nunca pois “cada vez hai menos tempo para o comezo das obras e o sector segue sen ter unha solución e coa incerteza sobre cal será o seu futuro”.

As competencias en materia de marisqueo posúeas, certamente, a Xunta de Galiza, mais as obras serán realizadas polo executivo estatal. “Non pode ser que Goberno e Xunta pretendan eludir as súas responsabilidades e atribuír á outra administración a obriga de estabelecelas” salienta.

“Estamos falando do sustento de moitas familias que dependen dunha actividade económica, o marisqueo, que vai ver paralizada cando menos dous anos polo dragado da ría” incide Néstor Rego e lembra que o BNG rexistrou tamén unha Proposición non de Lei, que aínda está pendente de ser debatida, instando ao Goberno español a fixar, de acordo co goberno galego, as axudas económicas que demanda o sector marisqueiro da Ría do Burgo.

Na iniciativa recóllense as contías estimadas polo propio colectivo para os mariscadores a pé, a frote e para a propia Confraría e que as compensacións se manteñan no tempo mentres as condicións para reiniciar a actividade non sexan as adecuadas. O colectivo mantería mentres dure o dragado quendas de vixilancia para previr o furtivismo e vertidos en zonas fora da área de limpeza prevista.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG