O BNG toma a iniciativa a favor do dique flotante de Ferrol ante a deixadez política da Xunta

En aras de contrarrestar a "deixadez e irresponsabilidade política" da Xunta presentou unha iniciativa parlamentar ante a Comisión Europea para facer a "consulta formal que o Goberno galego tiña que ter feito fai meses" sobre a construción do dique flotante. O obxectivo é que o departamento que dirixe o comisario da Competencia, Joaquín Almunia, informe se existe algún impedimento da UE para a execución desta infraestrutura.

"Desde a Consellería de Presidencia, Alfonso Rueda, admitía sen rubor que non se fixo ningún contacto formal coa Comisión Europea en defensa da construción do dique flotante de Ferrol, e pese a esta irresponsabilidade política deu por boa a versión de que existía un veto da UE", explicou a eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, en rolda de prensa xunto coa responsable comarcal do BNG, Mercedes Tobío.

A iniciativa presentada polo BNG desde a Eurocámara formula dúas cuestións "claves" a Almunia. En primeiro lugar, solicita que a Comisión Europea determine se existe algún impedimento na normativa comunitaria para que o Goberno español ou galego, sexa directamente ou a través dunha empresa pública, realice a construción dun dique flotante destinado á reparación de barcos en Ferrol.

En segundo lugar, a iniciativa parlamentar nacionalista demanda que o Executivo da UE ditamine se a construción deste dique, promovida polo Goberno español ou galego, directamente ou a través dunha empresa pública, pode ser considera unha axuda de Estado contraria á normativa comunitaria.

"O Goberno galego comportouse como un mero espectador nun tema clave para Ferrol: unha infraestrutura que permita a creación de emprego nunha comarca en crise, que ten como sinal de identidade a actividade económica vinculada ao sector naval", salientou Miranda.

O BNG entende como "esencial" que o Executivo da UE coñeza de primeira man a relevancia do proxecto para Ferrol, razón pola que solicita unha reunión urxente co comisario Almunia, na que participe unha representación dos traballadores de Navantia-Ferrol, para que teñan a oportunidade de transmitille a importancia do dique flotante en termos económicos e de creación de emprego.

Todo isto nun contexto no que se mantén o veto a construción naval civil en Navantia-Ferrol ata o 2015, que para a responsable comarcal, Mercedes Tobio, é unha proba máis do "abandono e hipocrisía" dos distintos gobernos centrais con Ferrol. "Non defenderon o levantamento deste veto nin sequera amparandose no documento de resposta dada pola Comisión Europea en 2005, en cuxo artigo 17 se prevía a posibilidade de negociar o veto en caso de novo feitos relevantes ou excepcionais. Que maior excepcionalidade que a crise que vive a Comarca", concluía Tobío.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG